Deputación de Lugo

O MUSEO PROVINCIAL ACOLLE UNHA EXPOSICIÓN ANTOLÓXICA DE ÁNGEL GONZÁLEZ DORESTE

Imaxe deputación de lugo
A mostra permanecerá aberta do 14 ao 28 de novembro na sala grande do Museo Provincial

A mostra que foi inaugurada polo vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao e polo propio autor permanecerá aberta, desde o 14 de novembro ao 28 do mesmo mes. A mostra que se vai presentar no Museo Provincial trátase dunha antolóxica formada por 72 obras onde utiliza diversas técnicas como o acrílico sobre táboa, o lapis ou o óleo para a realización das súas obras. A exposición divídese en cinco series diferentes: retratos, autorretratos bodegóns, paisaxes e figuras. Na serie retratos atopámonos con 22 lenzos elaborados en diferentes técnicas como o óleo, o acrílico ou o lapis. Nesta serie podemos ver retratos de persoeiros tan coñecidos como o escritor Ánxel Fole, o pintor Eduardo Sanz, o filósofo Fernando Llorente, Ángel Johán, o seu pai, ou a súa muller Rosa. Na serie autorretratos atopámonos con 7 lenzos elaborados en lapis, óleo, acrílico ou grafito. Na serie bodegóns podemos ver 4 lenzos onde diferentes naturezas mortas como unhas uvas, un lumbrigante, un cámbaro francés ou uns xeranios toman vida a través do acrílico ou do lapis. Na serie paisaxes atopámonos con 33 lenzos que utilizan a técnica do acrílico, do óleo ou da tinta chinesa onde podemos ver paisaxes onde se pode recoñecer o Río Miño, o barrio de San Roque, o de Recatelo todos eles na cidade lucense ou o Río Pas ou Soleres en Cantabria. Na serie figuras podemos ver 6 lenzos diferentes que utilizan a técnica do acrílico, do óleo e do lapis onde podemos ver desde un pantocrator, até un nu académico da Escola de San Fernado, pasando pola Anunciación ou unha Diana con cazadora. Ángel González Doreste, (As Plamas 1933), fillo do pintor lucense Angel Johán, vén a Lugo en 1948. Ángel González Doreste é un pintor hiperrealista, que estuda belas artes na Escola de Belas Artes de Madrid entre os anos 1953 e 1958. Expón por primeira vez nas Palmas en 1959 no Museo Canario. Desde entón, máis de trinta exposicións en diversos puntos do Estado Español, e algunha en Estados Unidos. A figura de Angel Johán marcou a figura e a traxectoria do seu fillo Ángel González Doreste. Ángel Johán non era un revolucionario e, con todo, sufriu catro anos de encarceramento. Chegou mesmo a estar condenado á norte, compartiu inquietudes con galeguistas como Ánxel Fole, e pertenceu ao sindicato de Telégrafos durante dous anos. Foi unha acción honesta a que deu con Johán en prisión. A noite da sublevación militar de 1936, Ángel Johán permanecía de garda. Ao recibir unha telegrama coa novas dos movementos de tropas rebeldes en África, remitido ao gobernador civil, o telegrafista dálle curso e envía unha copia ao Goberno da República. Ao día seguinte, a central de comunicacións cae en mans dos golpistas e poucas horas despois Johán é detido. Acusárono de participar en conspiracións comunistas para atentar contra Franco. Posto en liberdade, é apresado de novo en 1937 é condenado á morte. Finalmente conmutaría por trinta anos de cárcere, despois por seis, dos que cumpriu catro. Durante os anos que o seu pai estivo na cadea, Ángel González Doreste visitouno nela e esta época marcaría ao que e converteríao no que hoxe é o pintor, máis tamén estaría marcado pola emigración que a familia González Doreste iniciou no ano 1948, coa súa marcha das Palmas de Gran Canaria e a súa chegada a Lugo. Anos despois marchou vivir a París, non volvendo nunca a vivir en Lugo, pero sendo un gran visitador da nosa cidade. Ángel González Doreste é un galego canario que na actualidade vive en Santander.