Deputación de Lugo

O INLUDES colabora co Concello de Viveiro na adecuación dun parque infantil da localidade

Imaxe deputación de lugo
A Deputación destina 33.000 euros a instalación desta infraestrutura que se ubicará na zona do Pazo da Misericordia

Gómez Besteiro destacou que a actuación complementa as obras que o Concello acomete con cargo ó FEIL “e demostra o importante que son as axudas da Deputación, sobre todo nestes momentos de dificultade económica” A Comisión Executiva do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) aprobará este luns a concesión de 33.000 euros para a adecuación dun parque de xogos infantís no Concello de Viveiro. A axuda está contemplada no Plan de Subvencións de 2009 do organismo dependente da Deputación e entra dentro do compromiso asumido polo Presidente da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, cando no pasado mes de xaneiro asinara un convenio de colaboración co Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, e co Alcalde de Burela, Alfredo Llano, para a instalación de parques infantís nestes Concellos. Gómez Besteiro destacou que “colaboramos cos Concellos neste tipo de iniciativas porque supoñen unha mellora dos espazos adicados ó medio ambiente e das condicións de vida dos cidadáns. Hai que ter en conta que o xogo é un elemento fundamental na formación tanto física como intelectual para os máis pequenos. Esta iniciativa súmase ó Fondo Extraordinario da Deputación e complementario do Plan Estatal de Investimento Local. Nestes momentos de dificultade económica, os Concellos precisan aínda máis da colaboración das Deputacións”. A Deputación costeará o balancín, o carrusel, os bancos, as papeleiras e o restos de elementos do parque que se ubicará por detrás do pazo da Misericordia, unha zona que foi rehabilitada cunha Escola Obradoiro e na que viven máis de 1.000 persoas. Pola súa banda, o Concello farase cargo da man de obra para a montaxe das instalacións. Neste senso, o rexedor municipal subliñou que esta actuación “forma parte da política de goberno do Concello que inclúe a dotación de espazos públicos, xa que a construción non só é cemento e ladrillo, senón que tamén debe ter en conta o factor humano. É dicir, agora recuperamos tamén espazos útiles e necesarios que antes non se contemplaban na planificación. Grazas á colaboración da Deputación, este parque súmase a outras zonas que estamos remodelando co Plan Zapatero como a de Atalaya ou Celeiro”.