Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación inaugura as xornadas “Ramón Piñeiro na Galicia do século XX”

Gómez Besteiro destacou o papel de Piñeiro no rexurdimento da cultura galega e na defensa do noso idioma

O titular provincial dixo que “é de xustiza que este ano se lle adique o Día das Letras Galegas a este lucense, unha das figuras máis influíntes da historia recente de Galicia” O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este luns as xornadas “Ramón Piñeiro na Galicia do século XX” nas que se analizará, ata o vindeiro xoves, a extensa traxectoria do polifacético intelectual de Láncara. Gómez Besteiro dixo que “e de xustiza que a Real Academia Galega adique este ano o Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro, unha das figuras máis influíntes da historia recente de Galicia.” Ademais, o titular provincial apuntou que a Deputación de Lugo tiña a obriga de sumarse a esta homenaxe, e por iso colaborou coa Fundación Carlos Casares na organización destas xornadas que se celebran no Pazo de San Marcos e nas que destacados especialistas “analizarán as múltiples facetas deste ilustre lucense: o Piñeiro político, o editor, o filósofo, o galeguista, o literato…” No acto de inauguración, no que tamén participaron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, a presidenta da Fundación Carlos Casares, Kristina Berg, o secretario do Consello da Cultura Galega, Enrique Monteagudo, e Aníbal Piñeiro, familiar do homeaxeado, puido escoitarse a voz do propio Ramón Piñeiro grazas a emisión dun fragmento dunha das últimas entrevistas radiofónicas que lle fixeron. Ademais, dous alumnos do Colexio Público “Ramón Piñeiro” de Láncara leron varios textos. Defensa do idioma galego Na súa intervención, o Presidente da Deputación destacou o papel de Piñeiro no rexurdimento da cultura galega na segunda metade do século XX e o seu traballo en prol do idioma, “primeiro coa fundación da Editorial Galaxia, que fixo posible a publicación de moitos libros en galego, e xa nos primeiros pasos da democracia, coa súa contribución á normalización política da nosa lingua O seu traballo axudou a acadar a co-oficialidade do galego, que desde a primeira lexislatura foi o idioma do Parlamento e da Xunta de Galicia”. Comprometido con Galicia Para o titular provincial “a traxectoria de Ramón Piñeiro caracterizouse pola súa entrega absoluta a Galicia ó longo de toda a súa vida. Piñeiro foi un home comprometido co tempo que lle tocou vivir”. José Ramón Gómez Besteiro lembrou que xa no ano 1936 foi elexido secretario do comité provincial para o Plebiscito do Estatuto de Autonomía, e “na transición loitou por conseguir que Galicia fose considerada unha Comunidade histórica. Desde un principio, apostou por que Galicia evolucionase cara a Autonomía moderna na que hoxe vivimos”. “Ramón Piñeiro optou pola transformación de Galicia desde unha óptica progresista e por iso formou parte, como independente, da lista do PSdG, ó igual que outros destacados intelectuais do momento como Carlos Casares ou Benxamín Casal. Nesa primeira lexislatura coincidiu tamén co noso compañeiro de Corporación e voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato. Todos eles tiveron o privilexio de protagonizar unha das etapas máis apaixoantes da nosa recente historia”. Por último, Gómez Besteiro destacou que Piñeiro foi un “home moi querido e recoñecido, xa en vida, polo seu pobo: Láncara. Por iso, estas son unhas xornadas, como a el lle gustaría, abertas a todos os que que estean interesados en achegarse a súa figura, que é o mesmo que interesarse por coñecer mellor a historia de Galicia do século XX”.