Deputación de Lugo

A POÉTICA DO BALEIRO NA SALA 26 DO MUSEO DE LUGO

Imaxe deputación de lugo
Esta retrospectiva fotográfica de Diego Casado permanecerá aberta ata o 20 de decembro

O responsable da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, inaugurou a mostra deste fotógrafo, residente en Ribadeo e nado en Sevilla, que presenta no Museo de Lugo unha colección de fotografías cheas de paredes, baleiros e entradas de luz . Esta mostra permanecerá na sala 26 do Museo de Lugo ata o día 20 de decembro. A exposición retrospectiva de Diego Casado, A POÉTICA DO BALEIRO, está composta por doce obras que xa tiveron presenza na feira madrileña Arco, no Instituto Valenciano de Arte Moderno (Ivam), na Mariñarte 2008 (Ribadeo), no Museo de Arte Contemporánea de Unión Fenosa (A Coruña) e na exposición Percorridos (A Mariña). Diego Casado acadou premios en diversos certames: -2003. 2º Premio: X Certamen de Artes Plásticas “Cidade de Lugo”, -2004. 3º Premio: VII Salón de Outono de Artes Plásticas. A Coruña, -2005. 1º Premio: XXXII Premio Bancaixa. Valencia, -2007. 3º Premio: Caja Castilla La Mancha de fotografía. Cuenca. Diego Casado, na súa obra, pretende construír o que el quere que vexamos e non retransmitir o que el ve. As fotografías de Casado son espazos que pasan da mente ao caderno e de alí ao taller do carpinteiro para volver ao estudio e ás augadas sucesivas na procura dos relevos, dos tons de cor e dos xogos entre ambos os dous. O responsable a Área de Cultura, Antonio Veiga definiu a obra de casado como “a fermosura do sinxelo” ao referirse a esta colección de fotografías nas que descubrimos que estamos dentro da propia obra cando a observamos dende fora e que nos transmite a sensación de soidade.