Deputación de Lugo

O Ministerio de Fomento publica no BOE a licitación da nova Ponte sobre o río Miño

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación sinalou que “é o primeiro síntoma de José Blanco como responsable deste Ministerio”

O Ministerio de Fomento publicou este xoves no Boletín Oficial do Estado o anuncio de licitación da nova Ponte sobre o río Miño que conectará a N-VI coas estradas N-543 e LU-612. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, amosou a súa satisfacción pola publicación, xa que “é o primeiro síntoma de José Blanco como responsable do Ministerio de Fomento. Sen dúbida, é unha consecuencia directa a menos dunha semana de tomar posesión como Ministro desde departamento. Non creo nas casualidades e esta, dende logo, non a é”. O prazo de execución previsto da infraestrutura é de 38 meses e o orzamento ascende a 21.453.987 euros. Segundo reflicte a publicación oficial, o contrato podería ser financiado con Fondos FEDER. A data límite de presentación das ofertas ou das solicitudes será o 27 de maio de 2009. A información relativa á convocatoria e ós pregos pode consultarse na páxina web: www.contrataciondelestado.es. A este respecto, o máximo mandatario provincial subliñou que “estou seguro de que ademais de velar polos intereses xerais de todo o territorio estatal, o Ministro de Fomento como bo coñecedor das necesidades de Galicia e, sobre todo, de Lugo, saberá adoptar decisións en consecuencia”.