Deputación de Lugo

A SALA DE EXPOSICIÓNS DA DEPUTACIÓN ACOLLE A MOSTRA CONVERSAS CO REABSU DE FERNANDO VILLAPOL

O realismo, a abstracción e o surrealismo definen en boa medida a produción artística deste creador asturiano

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, inaugurou hoxe na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos a mostra Conversas co Reabsu do artista asturiano Fernando Villapol. O realismo, a abstracción e o surrealismo definen case a totalidade da súa produción artística. Ademais, xogando cos nomes destes tres movementos artísticos, o autor constrúe o acrónimo Reabsu, título desta exposición e dalgunhas das súas obras máis coñecidas. Nesta ocasión, o creador asturiano afincado en Bretoña (Lugo) achega un total de 26 esculturas das que 3 están elaboradas en granito e metal, 10 tan só en granito, 11 en mármore, 1 en castiñeiro policromado e 1 en pedra segoviana. Case a totalidade destas esculturas son o resultado das investigacións realizadas polo artista nas súas viaxes por Europa, América ou África. Como é lóxico, o ámbito sociocultural que o rodea define tamén en boa medida a súa produción artística. A exposición Conversas co Reabsu permanecerá na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo ata o vindeiro día 18 de xaneiro de 2009. Os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro a sala permanecerá pechada. A traxectoria artística de Fernando Villapol defínese polo didactismo sendo un autor que se creou a si mesmo; estivo vencellado desde un inicio ás terras de Bretoña dándolles unha visión cosmopolita e poñendo no mapa do Estado español e do mundo un país coma o galego por medio da súa obra. Fernando Villapol (San Tirso de Abres, Asturias, 1953), escultor autodidacta e vangardista, é o fundador-propietario do Museo Pedagóxico e Etnográfico Villapol de Bretoña (Lugo). Actualmente compaxina o seu labor artístico co de colaborador habitual en varios medios de comunicación e, ocasionalmente, coa de crítico de arte. Ao longo da súa traxectoria, o artista asturiano recibiu o premio Cidade de Lugo ou Arte no Morrazo entre outros. Ademais, tivo a oportunidade de expoñer a súa obra en varias salas galegas e españolas. No ámbito internacional, o Museo dos Anticuarios de París, a Biblioteca Nacional de Houston (Texas, EUA) ou o pazo portugués de Melgado acolleron temporalmente unha parte da produción artística de Villapol.