Deputación de Lugo

A Deputación adxudica os traballos de roza das vías provinciais de 39 Concellos por 326.000 euros

Antonio Gato cualificou de moi satisfactorio o resultado do convenio que asinaron os 22 Concellos que asumen directamente a xestión do desbroce

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deste venres ratificou a adxudicación provisional, por 326.759 euros, dos traballos de roza das estradas provinciais de 39 dos 45 Concellos nos que o organismo provincial contrata directamante a roza. Estes 39 municipios suman un total de 2.318 quilómetros. No caso dos outros seis, con 486 quilómetros de vías provinciais, o concurso quedou deserto polo que se empregará o procedemento negociado. O voceiro do grupo provincial, Antonio Gato, dixo que se dará a máxima urxencia a todo o procedemento para que os traballos comecen canto antes. Os que xa foron adxudicados provisionalmente empezarán este mes e o resto nas primeiras semanas de setembro. Gato Soengas lembrou que este é o primeiro ano no que a Deputación deu a opción ás entidades locais de elexir entre a posibilidade de que o organismo provincial siga a contratar os traballos de desbroce ou que sexan eles os que o xestionen directamente. “Ofreceuse ós municipios a posibilidade de asinar un convenio para que se fixesen responsables desta tarefa. Neste acordo entraron 22 Concellos que neste momento están procedendo á limpeza das cunetas das vías provinciais. O resto, 45, preferiron continuar co prodecemento anterior”, dixo o voceiro socialista quen afirmou que “desde a Área de Vías e Obras están moi satisfeitos da primeira fórmula, e agardamos que o ano que vén sexan moitos máis os que se sumen a esta nova modalidade de colaboración”. Seis zonas Polo que respecta ós traballos que contrata directamente a Deputación, a provincia dividiuse en 6 zonas. Adxudicáronse provisionalmente a zona 1: O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Muras, Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Barreiros, Trabada e Ribadeo; a zona 3: Paradela, Antas de Ulla, Palas de Rei, Friol, O Incio, O Corgo, Guntín e Portomarín; a zona 4: Baralla, As Nogais, Cervantes, Triacastela e Folgoso do Courel; a zona 5: Baralla, As Nogais, Baleira, A Fonsagrada, Nogueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Meira e Pastoriza e a zona 6: Abadín, Xermade, Vilalba, Guitiriz, Rábade, Lugo, Outeiro de Rei e Cospeito. A zona na que o concurso quedou deserto abarca os Concellos de Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Bóveda e Ribas de Sil. Outros acordos da Xunta A Xunta de Goberno tamén ratificou o convenio entre a Deputación e a Federación Galega de Municipios e Provincias para a realización de accións formativas en 2008 destinadas ó persoal da administración local da provincia de Lugo. O acordo inclúe tres cursos: “Técnico en servizos comunitarios on line”, “Xestión de Recursos Humanos ante o novo Estatuto do Empregado Público” e “Microsoft Publisher”. En total suman 110 horas lectivas e 42 prazas. O organismo provincial será o encargado de xestionar estas accións formativas e a FEGAMP de financialas con 12.000 euros. Por outra banda aprobráronse 3 contas xustificativas de obras do Plan de Cooperación con Comunidades Veciñais que suman un presuposto de 28.100 euros dos que a Deputación achega 20.650. Pertencen ós Concellos de Folgoso do Courel, Guitiriz e O Valadouro. Ademais ratificouse o gasto de 5.082 euros para abaoar o 50% do orzamento previsto para o desvío de liñas eléctricas afectadas pola execución da obra do POS 2005 Vilalba-Muras, tal e como se establece nun convenio suscrito con BEGASA.