Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo aposta polas institucións provinciais como líderes da prosperidade de Lugo e Ourense

José Ramón Gómez Besteiro recibiu ó voceiro do grupo provincial do PSOE na Deputación de Ourense

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu hoxe ó voceiro do grupo provincial do PSOE na Deputación de Ourense, Alfredo García, para falar sobre a colaboración entre ambalas dúas institucións provinciais. José Ramón Gómez Besteiro dixo que “estamos decididos a liderar a prosperidade nas dúas provincias, algo que ata o de agora era estraño ás Deputacións. Basta xa de traballar cada un polo seu lado porque eso non produce ningunha rendibilidade. Se lle vai ben a Lugo vaille ir ben á Ourense, e se lle vai ben a Ourense vaille ir ben a Lugo”. O turismo medioambiental centrou boa parte do encontro. O Presidente da Deputación de Lugo e o voceiro socialista ourensán destacaron o gran potencial que teñen neste eido as dúas provincias, co corredor de espazos naturais que vai dende A Mariña ata o sur da provincia de Ourense. “O medioambiente pasou de ser un lastre a converterse nun incentivo para atraer investimentos e facer negocios. Hai que exportar o noso medioambiente para que a xente saiba que aquí hai un paraíso natural” sinalou José Ramón Gómez Besteiro. Pola súa banda, Alfredo García dixo que Lugo e Ourense “deben aproveitar unha riqueza medioambiental que teñen moi poucas comarcas de España” . O voceiro socialista tamén avogou porque as dúas institucións traballen xuntas nesta promoción. José Ramón Gómez Besteiro tamén se referiu ó papel que deben desempeñar ás Deputacións no asesoramento, cooperación e respaldo ós concellos. Dixo que “somos convencidos municipalistas. Cremos que a Deputación é a institución que debe repaldar ós concellos e velar polos seus intereses fronte a outras administracións”. A visita do voceiro do grupo provincial socialista ourensán enmárcase dentro dun plan de contactos cos Presidentes doutras Deputacións para coñecer o funcionamento destas institucións e recoller experiencias que melloren os servizos que se prestan ós concellos. Ademais do turismo e do medioambiente, Alfredo García interesouse polo funcionamento da Sociedade Urbanística Provincial. García lembrou que no último pleno da Deputación de Ourense se aprobouse a creación da Empresa Urbanística, polo que quixo coñecer os resultados que está a ter SUPLUSA e os beneficios aporta ós concellos.