Deputación de Lugo

40.000 persoas visitaron a XII feira Artesanfroilán, un 33% máis que en 2007

Os artesáns valoraron satisfactoriamente a iniciativa, de xeito que para o 72% o volume de negocio foi o agardado ou superior ó previsto

Lara Méndez anunciou que a vindeira semana o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo participará no I Encontro Ibérico de Centros de Artesanía que se celebrará en Valladolid 40.000 persoas visitaron a duodécima edición da feira Artesanfroilán organizada polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación, e que se desenvolveu desde o 4 ó 12 de outubro. Segundo a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, isto supuxo un incremento do 33% con respecto a 2007. Méndez explicou que o “éxito foi tal que o peche da feira estaba previsto para o domingo ás 20:00 horas e debido á cantidade de xente que pasou este día pola carpa tivo que pospoñerse ata as 21:00 horas”. A responsable do Centro de Artesanía e Deseño indicou que os artesáns amosaron a súa satisfacción polo desenvolvemento da feira e moitos expresaron o seu interés por participar o vindeiro ano. Deste xeito, o 60% dos mesmos xa participaron en edicións anteriores e o 92% valorou satisfactoriamente a ubicación da feira. Para o 72% o volume de ventas foi o esperado ou superior ó previsto e o 100% recomendaría a participación a outros artesáns. Lara Méndez tamén explicou que “deste xeito constátase que Artesanfroilán se consolida en cada edición, xa que o 80% coñece outros servizos dos que dispón o CENTRAD e mantén contacto habitual co Centro dependente da Deputación. 25 expositores da provincia e de toda Galicia, ademais do de Km0, expuxeron na Praza de Anxo Fernández Gómez os seus produtos. Lara Méndez subraiou que “o bo tempo, o numeroso público que conseguiu reunir as festas e a campaña publicitaria realizada foron os factores que propiciaron que os artesáns incrementasen o seu volume de negocio con respecto a anos anteriores”. A este respecto engadiu que “moitas das persoas que se achegaron ata a carpa aproveitaron a feira para facer encargos para datas próximas. Por exemplo, o artesán de Buño (A Coruña) atenderon peticións para vodas, e o de Camariñas para o Nadal”. A ubicación tamén favoreceu o número de ventas. De feito, moitas das excursións que chegaban á estación de autobuses neste días elexiron Artesanfroilán como primeiro punto de visita das festas. Foi o caso dos grupos folclóricos de Elxe, Alacante ou Valencia que participaron no pasarrúas de grupos de música tradicional celebrado o Domingo das Mozas. “Artesanfroilán 2008 favoreceu o contacto directo entre o artesán e o cliente conseguindo que a promoción da artesanía galega fose maior converténdose nun mecanismo áxil de comercialización da artesanía galega e nun punto de partida para unha colaboración eficaz entre o INLUDES e o sector artesanal”. A Vicepresidenta Segunda lembrou que este ano entregouse por primeira vez un premio valorado en 1.000 euros para o mellor stand, que recaeu na xoiería “Obradoiro”. “Deste xeito, quixemos recoñecer a presentación que fan dos seus produtos os artesáns que participan na feira”. “Stand” Km0 Outra das novidades da décimo segunda edición de Artesanfroilán foi a presenza dun expostor de Km0. A este respecto, Lara Méndez explicou que no stand informouse sobre o proxecto que dispón de 88 rutas medioambientais e entregouse material divulgativo do mesmo. “O primeiro día repartíronse todos os folletos informativos que había na carpa, o que demostra a grande demanda que tivo o expositor. Ademais de particulares, tamén solicitaron información varios colexios e persoas de fóra da provincia. Entre elas, de Ferrol, A Coruña ou Ourense”. A ruta que suscitou o maior interés foi a da Ribeira Sacra que inclúe unha viaxe en catamarán polos canóns do Sil. Asimesmo, algunhas persoas tamén suxeriron a idea de ampliar o programa á fin de semana. I Encontro Ibérico de Centros de Artesanía: Lara Méndez anunciou tamén que os días 20 e 21 de outubro o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo participará no I Encontro Ibérico de Centros de Artesanía que se celebrará en Valladolid. A xestión das competencias sobre artesanía nas diferentes Comunidades de España e mesmo en Portugal produciu un importante crecemento dos Centros adicados á formación, comercialización, promoción e difusión da artesanía, pero que apenas dispoñen de canles de comunicación entre eles para difundir as súas actuacións ou aproveitar recursos que puideran ser comúns. En España existen unha trintena de centros ibéricos, pero non dispoñen dun modelo común de creación. Cada Centro ten o seu propio modelo donde a veces coexisten elementos comúns, pero nunca a unificadores. Deste xeito, a Vicepresidenta Segunda subliñou que a finalidade deste foro “é coñecer os diferentes modelos de xestión dos diferentes centros de artesanía que existen en España e Portugal para establecer lazos de cooperación e programar accións e actividades en beneficio do sector artesanal. Trátase dunha boa oportunidade para dar a coñecer o traballo que estamos a realizar neste eido e ó mesmo tempo aproveitar a experiencia do resto dos centros de España”.