Deputación de Lugo

O MUSEO DE LUGO ACOLLERÁ A EXPOSICIÓN OUT SIDE DO ARTISTA LUCENSE GARCÍA GESTO

Esta exposición permanecerá aberta ata o 2 de novembro

Inaugurouse hoxe, ás 20:00 horas, unha exposición de pintura do artista Joaquín García Gesto no museo provincial de Lugo. Esta exposición permanecerá aberta ata o 2 de novembro nas salas 25, 26 e 27 do museo de Lugo. Esta exposición enmarcase dentro dos actos de celebración do 75 aniversario do museo de Lugo. A mostra, que a partir de hoxe acollerá o museo provincial, titúlase OUT-SIDE e reúne obra que abrangue desde os anos 70 até a actual produción do artista. Nesta colección recoñécese de xeito inequívoco a pegada do autor. Joaquín Garcia Gesto é un artista galego, porque aínda que universal ten as súas raíces e o seu pensamento en Galiza. Joaquín García Gesto Leva máis de 30 anos traballando no panorama artístico lucense, asentando os seus piares nunha sólida formación que labrou na Escola de Belas Artes de Madrid. Formou parte do grupo Atlántica desde que voltou a Galicia, a súa obra como el mesmo define “é un estudo do plano e das súas posibilidades matéricas”. A estas alturas de vida e obra, Joaquín Garcia-Gesto preséntase como un dos escasos pintores galegos en posesión dunha estética propia, é dicir, identificadora e distinta. Cando vemos un cadro de Garcia Gesto recoñecémolo pois a súa pegada é definitoria nos seus cadros. As pinturas de García Gesto falan dúas linguaxes simultáneas que dun xeito se poden definir como contraditorias: a abstracción e a figuración. Propoñen unha dialéctica que non se enfronta entre ambas opcións senón que existe unha conciliación entre elas o que provoca no espectador unha sensación de desconcerto pois o espectador está acostumado á clasificación automática das obras. Garcia Gesto recrea un universo de tempos conxelados, de impactos emotivos e entende a pintura como un mundo libre derivado da liberdade que proporciona o coñecemento profundo do feito mesmo de pintar, polo que nos atopamos perante unha obra inequivocamente contemporánea.