Deputación de Lugo

Iniciado o quinto curso de cestería da programación do CENTRAD: cestería de xuncos de lagoa

A artesá Anelma Savolainen imparte o obradoiro baseado nunha técnica da que non existe tradición en Galicia nin en España

Hoxe deu comezo o quinto curso da programación de outono do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, cestería de xuncos de lagoa. A artesá finlandesa Anelma Savolainen imparte o obradoiro que se desenvolve no Centro de Cestería do río Rato ata o 31 de outubro. Durante este días os asistentes aprenderán a elaborar distintas pezas sobre moldes de madeira empregando como material o xunco de lagoa. Trátase dunha modalidade da que non existe tradición en Galicia nin en España, polo que será unha oportunidade única para introducila a nivel nacional. Dada a importancia do curso, asisten profesionais da cestería non só da provincia senón tamén do resto de España. É o caso de artesáns de Cataluña que acuden a Lugo co obxectivo de trasladar os coñecementos que adquiran sobre esta técnica á súa Comunidade. O obradoiro dispón de 40 horas de formación e desenvólvese en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Conta con 8 prazas e está dirixido a cesteiros profesionais, artesáns doutras disciplinas e ó público en xeral. Unha técnica de fácil manexo A técnica de cestería de xuncos de lagoa caracterízase pola flexibilidade do material, xa que é perfectamente adaptable para o uso de persoas maiores, nenos, etc. Asimesmo, configúrase como o sustituto da médula, material este último que, a diferenza do anterior, é moi difícil de traballar e cada vez é máis complexo de atopar. Anelma Savolainen é unha artesá finlandesa especializada tamén na técnica de corteza de bidueiro típica de zonas do norte de Europa como Rusia. Ademais, conta con varias publicacións no seu haber sobre esta modalidade e sobre o mundo da cestería en xeral.