Deputación de Lugo

A mellora da comercialización dos produtos autóctonos, un dos obxectivos de Lug02

O asesor da Deputación en materia medioambiental participou nunhas xornadas sobre “Asesoramento e Agricultura Ecolóxica”

A mellora na comercialización dos produtos autóctonos é un dos obxectivos da Deputación a través do programa europeo Lug02. Esta liña de actuación foi presentada polo asesor do organismo provincial en materia medioambiental, José Rodríguez Coello, nun curso sobre “Asesoramento e Agricultura Ecolóxica” que organiza a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Rodríguez Coello participou este xoves nunha mesa redonda que analizou o futuro da produción ecolóxica e o desenvolvemento rural. Neste senso, o especialista en medio ambiente sinalou que o organismo provincial aposta pola promoción e comercialización dos produtos autóctonos como unha das vías para acadar un desenvolvemento sostible nesta provincia, na que o 55% do seu territorio está declarado Reserva da Biosfera pola UNESCO. Dentro do Lug02, inclúese “Lugo Sabe”. Trátase dun programa de obsequios institucionais que están constituídos por produtos gastonómicos lucenses co obxectivo de impulsar a economía e o comercio local. O lote está formado polos produtos máis representativos da provincia, como son o queixo de San Simón da Costa, o viño da Ribeira Sacra, o aceite de Quiroga ou as fabas de Lourenzá. O Lug02 é un programa financiado pola Unión Europea que conta cun presuposto de cinco millóns de euros. Contempla divesas actuacións que persiguen favorecer a economía mediombiental. Entre outras, a creación dun Sistema de Información Xeográfica (XIS), a profesionalización do turismo rural e o aproveitamento das enerxías renovables