Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda entrega o premio ó mellor stand de Artesanfroilán

O responsable do expositor “Obradoiro” recibiu un cheque por valor de 1.000 euros

Lara Méndez e Concepción Burgo destacan a calidade dos postos que participan nesta duodécima edición da feira de artesanía organizada polo CENTRAD dentro da programación do San Froilán A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, acompañada pola Concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Concepción Burgo, entregou este sábado o premio ó mellor stand da duodécima edición de Artesanfroilán, que foi para o expositor de xoiería “Obradoiro”. O gañador, o artesán de Lugo Adolfo Domínguez, recibiu un cheque por valor de 1.000 euros. Lara Méndez lembrou que “este foi o primeiro ano no que se convocou este premio. Deste xeito queremos recoñecer a presentación que fan dos seus produtos os artesáns que participan na feira que organiza o CENTRAD dentro das festas do San Froilán”. Lara Méndez dixo que “a decisión foi complicada pola calidade dos expositores que participaron nesta edición, que mellorou con respecto a anos anteriores”. A Vicepresidenta Segunda- que xunto co Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Concelleira de Cultura de Lugo formou parte do xurado- afirmou que “para elexir ó gañador contamos coa colaboración dos técnicos do CENTRAD, ós que tamén quero agradecer o traballo que están a realizar para que esta feira sexa posible”. A responsable provincial tamén quixo agradecer á Concelleira de Cultura a colaboración brindada polo Concello de Lugo “que fixo posible que Artesanfroilán se celebrase nun lugar privilexiado como é esta praza detrás da Casa Consistorial”. Pola súa banda, Concepción Burgo dixo que “na decisión non se tivo en conta a calidade dos produtos expostos, senón a presentación dos stands”. A edil tamén subliñou que “tanto a Deputación como o Concello coinciden en que a artesanía é un sector económico e cultural polo que hai que apostar”. Maís particpación Nesta edición contarase coa participación de 26 artesáns, 6 máis que na do ano 2007. Deste xeito, artesáns de toda Galicia teñen á venda pezas de encaixes, arranxos florais, cartón-pedra, olería, vidro, marroquinería, metalistería, pratería, bonequería, xoguetes, téxtil, talla de madeira, serigrafía e xoiería. En concreto, participan artesáns das catro provincias galegas: Lugo (Cervo, Mondoñedo, Lugo cidade, Viveiro e Negueira de Muñiz), Pontevedra (Vigo), Ourense (Pontecaldelas e Reiriz de Veiga), A Coruña (Camariñas, Buño, Carnota, Santiago, Melide, Carral e Cambre). O obxectivo da mostra é combinar artesanía e medioambiente, dando a coñecer a artesanía galega e, en particular, a lucense, ao tempo que se propicia o contacto directo entre o artesán e o cliente para que a difusión dos produtos sexa a maior posible. Artesanfroilán convértese, deste xeito, nun mecanismo áxil de comercialización da artesanía galega e nun punto de partida para unha colaboración eficaz entre o Instituto de Desenvolvemento Económico e Social e o sector artesanal. A mostra tamén conta cun stand de Km0 no que se ofrece información sobre este programa de visitas institucionais á Deputación e a provincia totalmente gratuíto. Artesanfroilán estará instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez ata mañá, 12 de outubro, con horario de de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.