Deputación de Lugo

A Deputación pon en marcha o primeiro Plan de obras de pequenas infraestruturas dotado con máis de 900.000 euros

39 Concellos de menos de 5.000 habitantes beneficiaranse deste proxecto

Gómez Besteiro, que este mes asinará os convenios cos Alcaldes, destaca esta nova liña de cooperación coas Entidades Locais Unha comisión avaliadora coa presenza dos tres grupos provinciais apoiou por unanimidade o proxecto O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este luns o primeiro Plan do organismo provincial destinado a pequenas infraestruturas de todos os Concellos de menos de 5.000 habitantes agás os beneficiados polo reparto do canon enerxético. Gómez Besteiro dixo que “esta é unha liña de cooperación que permitirá ós municipios realizar obras pequenas que axudan a solventar problemas que son importantes para estes Concellos”. O responsable provincial destacou que “os criterios de reparto foron obxectivos e o resulado moi satisfactorio, polo que esta iniciativa continuará nos vindeiros anos”. Grazas a este proxecto destinaranse 908.000 euros a infraestuturas de 39 Concellos. Desta cantidade, a Deputación subvenciona 608.000 euros e os outros 300.000 son aportados polas institucións municipais. Gómez Besteiro subliñou que “foron as propias Entidades Locais as que decidiron que obras querían que se financiasen”. Entre outros, hai proxectos de acondicionamento de accesos a núcleos de poboación, axardinamento de espazos públicos, alumeado en zonas rurais, ampliación de redes de saneamento e mellora de edificios públicos. A axuda máxima achegada pola Deputación é de 17.000 euros, mentres que os municipios teñen que aportar como mínimo o 30% do presuposto da obra. José Ramón Gómez Besteiro, xunto ó Deputado da Área de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato, deu conta deste plan logo da reunión celebrada este luns por unha comisión avaliadora, na que participaron todos os partidos políticos. Na xuntaza apoiouse o proxecto por unanimidade. Segundo avanzaron os responsables provinciais, o plan será aprobado nunha vindeira Xunta de Goberno, e este mesmo mes o Presidente asinará os respectivos convenios cos Alcaldes. Criterios de reparto José Ramón Gómez Besteiro dixo que o reparto destas axudas respondeu tan só a dous criterios: “Este proxecto está destinado ós Concellos de menos de 5.000, que son os que máis necesitan esta axuda, agás os que no futuro se beneficien do reparto do canon enerxético”. Con respecto a este último punto, lembrou “que temos o compromiso político, e non xudicial, de dar cumprimento ó reparto do canon con todos os Concellos afectados. Insisto moito nisto porque algúns queren entender que hai unha obriga legal, cando tan só existía con Chantada. No outros casos, estamos a falar do compromiso político de aboar esta débeda que, por certo, a maioría destes Concellos non reclamaron xamais á Deputación” Pola súa banda, o Deputado responsable da Área de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato, dixo que “este é o primeiro plan auténtico de colaboración no que entran todos os Concellos e, en todo caso, hai que falar de discriminación positiva a favor dos municipios de menos de 5.000”. Neste senso, Gato Soengas sinalou que “agás o Plan de Obras e Servizos, no que tiñan que entrar todos os municipios da provincia, ata o de agora na Deputación sempre tomara decisións que discriminaban a unha parte deles, como é o caso dos distintos Plans Operativos Locais, nos que había Concellos que quedaban fóra”. “Chamoume a atención que hai uns días o voceiro do PP criticase o plan porque só eran 17.000 euros e que hoxe votase a favor na comisión de avaliación. Esto demostra que os Concellos están a favor desta colaboración que se pon en marcha por primeira vez e que financia unhas obras que non terían cabida noutro tipo de plans promovidos pola Deputación”, apuntou o Deputado. Cooperación cos Concellos O Presidente da Deputación dixo que “a filosofía da Cooperación cos Concellos elévase a todas as políticas que leva a cabo a Deputación. Esta subvención de 17.000 euros nunca se fixera na Deputación, pero tampouco se adiantaran os cartos na recadación ou se reducira a porcentaxe das taxas que pagan os municipios pola xestión recadatoria”. Outro exemplo de cooperación que destacou Gómez Beteiro foi o da rede provincial de bomberios. Afirmou que “antes de que chegase este equipo de goberno estaba previsto que os Concellos participasen no seu financiamento, e nós decidimos que só o fagan a Deputación e a Consellería de Presidencia”. Os Concellos que se beneficiarán deste primeiro Plan de axuda ó financiamento de pequenas infraestruturas son: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castroverde, Cervantes, Cervo, O Corgo, Folgoso do Courel, Friol, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, As Nogais, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pontenova, Rábade, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, e Xove.