Deputación de Lugo

A Área de Cultura da Deputación abre unha liña de formación para monitores deportivos e socioculturais

Dous cursos, coordinados pola Fundación para a Orientación Profesional, Emprego e Formación en Galiza (Forga), servirán para formar persoas que poidan asumir o desenvolvemento de actividades socioculturais e deportivas nos concellos

O vicepresidente primeiro, Antón Bao, presentou na Deputación as accións formativas que se van a levar a cabo dende a Área de Cultura e Deporte para poñer á disposición da cidadanía a posibilidade de formarse nos eidos do deporte e das actividades socioculturais. Estas accións formativas vanse materializar na realización de dous cursos de 300 horas de duración, cada un deles, que estarán coordinados pola Fundación para a Orientación Profesional a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, o Emprego e Formación en Galiza ( FORGA). Segundo explicou o xestor de formación de FORGA, Lois Nieto, “os cursos terán como obxectivo a formación de monitores deportivos e monitores socioculturais e irán dirixidos a traballadores e traballadoras desempregadas ou a aqueles que, estando en activo, teñen un perfil curricular ou laboral relacionado coas área da animación socio-cultural e deportiva”. O vicepresidente primeiro Antón Bao indicou que “estas medidas formativas propiciarán, en primeiro lugar, que as persoas incrementen a súa formación para acceder a un nicho do mercado laboral que está en expansión”. Bao resaltou que é unha necesidade para moitas administracións locais e entidades de carácter cultural e deportivo contar con profesionais suficientemente formados á hora de programar as súas actividades. Estas medidas formativas tamén constitúen unha ferramenta para que moitas persoas amplíen o seu horizonte á hora de buscar emprego en sectores nos que existe demanda de profesionais. A formación de profesionais no eido do deporte e da animación sociocultural é unha medida incardinada coas políticas que está a levar a cabo a área de cultura e deporte, dependente da vicepresidencia da Deputación, de dotar de medios materiais e económicos aos concellos para mellorar e incrementar a oferta de actividades socioculturais e deportivas en todas as comarcas de Lugo. INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA DENOMINACIÓN DOS CURSOS: Monitor/a Sociocultural: 300 Horas. Monitor/a Deportivo: 300 Horas. CENTRO IMPARTIDOR: Fundación para a Orientación Profesional a Investigación e o Desenvolvimento Tecnolóxico, o Emprego e Formación en Galiza ( FORGA) LUGAR IMPARTICIÓN: Local FORGA LUGO sito en Rúa Ramiro Rueda, 11-13-baixo (Lugo) DATAS DE EXECUCIÓN PREVISTAS: Data de Inicio: 05 de Novembro de 2008 Data de Remate: 29 de Xaneiro de 2009 DESTINATARIOS DAS ACCIÓNS FORMATIVAS: Traballadores e traballadoras en situación de desemeprego Traballadores e trablladorasen activo cuxo perfil curricular ou laboral estea relacionado coas areas da animación socio-cultural e deportiva CONTIDOS FORMATIVOS: MONITOR SOCIOCULTURAL: Técnicas experimentais para o estudo de campo Técnicas de planificación e deseño de programas técnicas de organización Técnicas de avaliación Dirección de equipos Técnicas de xestión MONITOR/A DEPORTIVO: Técnicas de desenvolvemento físico e aptitudinal Técnicas de desenvolvemento de actividades deportivas Técnicas de desenvolvemento físico integral Técnicas de xestión Seguridade e Hixiene e primeiros auxilios DOCENTES: Monitor/a Sociocultural: Licenciado/a en pedagoxía con experiencia profesional na animación sociocultural e animación de tempo libre. Monitor/a Deportivo/a: Licenciado/a en Educación Física con ampla experiencia de traballo en distintas disciplinas deportivas