Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación e o Valedor do Pobo abren unha nova etapa entre as dúas institucións.

Recepción oficial ó Valedor do Pobo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu hoxe ó Valedor do Pobo, Benigno López González, logo da súa recente toma de posesión do cargo en Santiago. A visita oficial do Valedor marca unha nova etapa de “normalidade democrática” entre as dúas institucións, como subraiou o Presidente. O Presidente Provincial sinalou que o obxectivo desta visita é “reconducir as relacións entre as dúas institucións baixo a premisa da lealdade e do respeto”. Gómez Besteiro dixo que se manterán os cauces de diálogo para que se dea solución a calquera posible desencontro: “Non se poden manter as anteriores relacións cunha institución coma o do Valedor, tan ben querida e valorada polos lucenses”. O Valedor do Pobo tamén destacou “o inicio dunha nova etapa no marco da lealdade e a cooperación”. Benigno López sinalou que “aínda que xurdan desencontros, estes deben resolverse pola vía amistosa. O Valedor dixo que a institución ten as portas abertas a todos os cidadáns e ós seus dirixentes. Despois da xuntanza mantida o pasado luns entre o Presidente provincial e o Presidente da Xunta, na que se abordaron a transferencia ó Servizo Galego de Saúde dos Hospitais provinciais e o Plan de Reequilibrio Territorial entre outros temas, a visita institucional do Valedor pretende dar continuidade ó obxectivo que persegue a nova Corporación: mellorar as relacións entre as institucións para desbloquear a situación na que se atopa a provincia. Trátase do primeiro encontro institucional mantido polos representantes de ámbalas dúas institucións que serviu para abordar temas de gran interese para a provincia e nos que é preciso a relación estreita entre as dúas entidades para ofrecer un mellor servizo ós concellos. En canto á distribución das queixas rexistradas polo Valedor do Pobo con respecto á Deputación de Lugo, este recibiu 3 queixas no ano 2006; o que sitúa a este organismo, despois da Deputación de Ourense, como a administración provincial que menos infraccións rexistra. Libro de Ouro O Presidente da Deputación presentou o Valedor do Pobo ós voceiros de todos os grupos políticos provinciais na Sala de Xuntas. Alí Benigno López asinou no Libro de Ouro da Provincia. É o primeiro responsable dunha institución que o fai desde a toma de posesión do novo goberno provincial. Benigno López deixou escrito: “Co meu agradecemento pola cordial acollida por parte da Excelentísima Deputación de Lugo, na seguridade dunha colaboración leal e absoluta entre esta institución e a do Valedor do Pobo, superadas xa anteriores desencontros. Un saúdo afectuoso”. Como agasallo institucional, Gómez Besteiro fíxolle entrega dunha réplica do Organistrum, un instrumento musical do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago que foi reconstruída polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación.