Deputación de Lugo

Antón Bao inaugura o curso “A prehistoria en Lugo. Á luz das descobertas recentes” que organiza a USC

O seminario pretende dar a coñecer os resultados dos achados das últimas escavacións arqueolóxicas realizadas en varios puntos da xeografía lucense

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, presentou esta mañá o curso A Prehistoria en Lugo. Á Luz das Descobertas Recentes que patrocina a Área de Cultura desta institución e organiza a Universidade de Santiago de Compostela. A salón de actos da Fundación Caixa Galicia acolleu esta presentación, á que tamén acudiron os directores das xornadas, a profesora María Dolores Dopico Caínzos e o profesor Manuel Villanueva Acuña, así como Sinesio Pérez, xerente da Fundación Caixa Galicia e, en representación da USC, a vicerreitora de Oferta e Xestión Académica, Begoña Barreiro. As conferencias comezaron esta mesma mañá e terán lugar entre os días 24 e 25 de abril no salón de actos da Fundación da Caixa Galicia e do Museo Provincial de Lugo, respectivamente. Na súa intervención, Antón Bao recalcou que estas xornadas pretenden trasladarlle á sociedade os resultados e as análises efectuadas polos profesionais deste campo en relación coas últimas escavacións arqueolóxicas realizadas na Cova de Eirós (Triacastela), no Valdavara (Becerreá) ou no val de Monforte. Para o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo resulta “fundamental” coñecer todas aquelas pezas, mostras ou restos vinculados aos nosos antepasados, “algo que nos axudará a comprender mellor a evolución da nosa propia historia”, asegurou. Nesta liña, Bao tamén sostivo que, para coñecermos “a nosa realidade”, debemos regresar á prehistoria, “unha etapa na que se atopa agochada a identidade do país”. Logo disto, Antón Bao salientou que este curso pretende ser un “punto de encontro” entre os arqueólogos da cornixa cantábrica e, ao tempo, un impulso para a posta en marcha de innovadores proxectos que permitan atopar novos restos arquelóxicos. Tal e como recalcaron os dous directores do curso, María Dolores Dopico Caínzos e Manuel Villanueva Acuña, e o propio vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, a finalidade deste curso é a de dar a coñecer todos aqueles aspectos de grande interese extraídos das últimas actividades arqueolóxicas e que sirvan para complementar os coñecementos da sociedade sobre a prehistoria e as súas representacións en toda Galiza, concretamente nas comarcas lucenses. Unhas xornadas aptas para estudantes e profesionais do sector Tal e como explicou o co-director do curso A Prehistoria en Lugo. Á luz das descobertas recentes, Manuel Villanueva Acuña, estas xornadas están destinadas ao colectivo de estudantes e licenciados en Humanidades, Xeografía, Historia, Arte e Filoloxía Clásica, aos profesionais da arqueoloxía e dos museos e ao profesorado do ensino secundario obrigatorio e de bacharelato. Para esta edición ofertouse un total de 80 prazas.