Deputación de Lugo

A Deputación investirá máis de 2 M€ na mellora de estradas provinciais de Becerreá, Vilalba e Xermade

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial executará con fondos propios o acondicionamento de máis de 35 quilómetros, “polo que estamos a facer un grande esforzo por ter unhas estradas en condicións, garantindo a seguridade dos cidadáns e a calidade das vías”

A Xunta de Goberno aprobou a mellora de diversos camiños municipais no Concello de Monforte dentro do canon 2008-2009 A Deputación realizará obras de mellora en estradas provinciais dos Concellos de Becerreá, Vilalba e Xermade por valor de 2.196.478 euros. A Xunta de Goberno aprobou este venres a contración do acondicionamento da CP 0702 que vai de Becerreá a Cervantes, dende o punto quilométrico 0,000 ó 24,510; da CP 2206 que vai de Casanova (Roupar), por Lousada á de Lanzós a Vilapedre, dende o punto quilométrico 0,000 ó 1,950; e da CP 6509 do Carrizo (Vilalba) a Lousada (Xermade), dende o punto quilométrico 0,000 ó 9,277. O importe da primeira actuación é de 1.039.441 euros e o das dúas últimas de 1.157.037 euros. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que as obras de mellora afectan a un total de 35,737 quilómetros e son executadas con fondos propios da Deputación. Teñen un prazo de execución de 6 meses e inclúen a apertura de cunetas por ámbalas dúas marxes da vía; construción de taxeas transversais para evacuación de augas pluviais; saneo e afirmados dos arcéns existentes; regularización da plataforma e afirmado con aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor; pintura horizontal; ollos de gato; e sinalización vertical. Gato Soengas destacou que “a Deputación está implicada na mellora da rede viaria provincial. Estamos a facer un grande esforzo por ter unhas estradas en condicións, garantindo a seguridade dos cidadáns e a calidade das vías. Neste senso, a totalidade dos proxectos novos que estamos a executar levan aglomerado en quente. É máis custoso, pero sen embargo coa súa aplicación conseguimos que as nosas vías sexan mellores sen ter que volver a reparalas en moitos anos”. Neste senso indicou que “no caso da de Becerreá, o treito que arranxaremos é de máis de 20 quilómetros. Isto bota por terra a política do goberno anterior á diferenza do que acontece agora. Ademais executámolas con fondos propios”. Canon Monforte de Lemos Tamén se aprobou o acondicionamento de diversos camiños municipais no Concello de Monforte de Lemos dentro do canon 2008-2009 por valor de 14.432 euros. Concretamente son os de Raimundo Patiño, os accesos á zona de Lodairo e o bacheo e rexeneración do camiño que une a estrada e Currelos con Cinsa. O voceiro provincial lembrou que a pasada semana contratouse a iluminación do río Cabe por valor de 87.613 euros. A este Concello correspóndelle 233.097 euros, dos que 155.398 son para as dúas primeiras anualidades. Desde xeito, o organismo provincial salda con con este e co resto de municipios que teñen produción hidroeléctrica dous terzos da débeda, quedando só un terzo para 2010. “Quedan só os Concellos de Paradela e Guntín, cos que chegaremos a un acordo nos vindeiros días, resolvendo o tema definitivamente”. Outros acordos da Xunta de Goberno Deuse o visto e prace a 5 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2006 (2), 2007 (1) e 2009 (2). Pertencen ós Concellos de Pantón, Ribadeo, Ribas de Sil, Vilalba e Antas de Ulla. Suman un total de 65.720 euros e a Deputación aporta 30.604. Ademais, aprobouse o convenio regulador da subvención da Deputación ó Concello de Pobra de Brollón para realizar obras de mellora nas infraestruturas rurais deste municipio por valor de 20.000 euros. O organismo provincial tamén contratou o servizo de transporte no marco do programa Km0.Deputación de Lugo por valor de 120.000 euros e a execución da acción formativa “Avance e Sostemento en Terreos Colapsados” por un importe de 22.360 euros. Esta última iniciativa está destinada a formar a profesionais na atención de emerxencias.