Deputación de Lugo

A Deputación inicia os trámites para a construción do parque industrial da Fonsagrada

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro pecha co Alcalde as obras que o organismo provincial acometerá neste municipio con cargo ó canon 2008-2009 e coas que salda dous terzos da débeda total

Segundo o reparto, Fonsagrada atópase xunto con Negueira de Muñiz na zona norte, na cal a Deputación investirá ata o 2010 máis de 900.000 euros O titular provincial pechará nos vindeiros días as obras derivadas do canon cos derradeiros tres Concellos que non teñen unha sentenza ó seu favor O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, visitou este mércores os terreos nos que a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) construirá o polígono industrial da Fonsagrada. A infraestrutura ubicarase á saída do núcleo urbano, no contorno da estrada que comunica este municipio con Lugo. Terá unha superficie aproximada de 100.000 metros cadrados e un investimento de 2.520.000 euros. Gómez Besteiro, que estivo acompañado do rexedor deste Concello, Argelio Fernández, destacou que “SUPLUSA está a crear solo industrial en 31 municipios da provincial e Fonsagrada é un deles. Hoxe entregámoslle ó Alcalde para a súa tramitación administrativa unha modificación puntual do proxecto para a calificación de solo urbanizable industrial. Esta é unha actuación moi importante, xa que coa súa construción favoreceremos o asentamento de empresas nesta zona e, como consecuencia, a creación de novos postos de traballo na Fonsagrada”. Na visita realizada ó municipio da Montaña, Gómez Besteiro tamén pechou co rexedor municipal as obras que a Deputación acometerá neste Concello con cargo ás anualidades 2008-2009 do canon, que xunto con Negueira de Muñiz, se inclúe na zona norte. O investimento que realizará a Deputación nestes dous municipios ascende a 621.427 euros. Asimesmo, lembrou que “este Concello ten a Casa Consistorial máis humilde, polo que a Deputación está disposta a colaborar na posta en marcha da construción dun novo edificio, sempre e cando a Xunta de Galicia, que é quen ten competencias para elo, afronte este proxecto”. Só quedan 3 concellos O titular provincial continuou así a rolda de contactos cos rexedores dos Concellos que contan con produción hidroeléctrica e que, a diferenza de Chantada, non dispoñen dunha sentenza ó seu favor. Tan só resta por pechar as obras de 3 dos 15 Concellos afectados, que corresponden a dúas anualidades da débeda histórica, quedando un terzo para 2010. Eses municipios son Guntín, Paradela e Carballedo. “Pouco a pouco fomos pechando o canon e damos cumprimento ó compromiso político asumido polo actual goberno da Deputación. En mes e medio xa levamos pechadas as obras en 12 Concellos que contan con produción hidroelectrica, á marxe de Chantada. Nos vindeiros días faremos o mesmo cos tres que faltan”, engadiu o titular provincial. Ademais de Fonsagrada e Negueira de Muñiz, o Presidente da Deputación xa pechou as obras correspondentes ás duas primeiras anualidades do canon nos Concellos de Taboada, Saviñao, Sober, Monforte de Lemos, Pobra de Brollón, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil, Portomarín e O Páramo. Investimentos en obra pública A Deputación inviste na Fonsagrada e Negueira de Muñiz 621.427 euros, dos 932.141 do canon hidroeléctrico total que fará efectivo en 2010. Precisamente, Gómez Besteiro visitou a zona na que está previsto que o Concello constrúa na sede da Fundación Rois unha residencia da terceira idade e centro de día e para a que se destinará unha partida importante do canon. Polo que se refire ó canon de Negueira de Muñiz, os investimentos centraranse no acondicionamento, equipamenteo e edificación de vivendas comunitarias. Gómez Besteiro salientou que “co investimento en obra pública, ademais de facer efectiva unha débeda que o organismo provincial arrastraba dende hai anos, a Deputación fomenta a creación de emprego. Son uns cartos a maiores cos que contarán estes Concellos e que van destinados a obras moi necesarias e demandadas polos veciños”.