Deputación de Lugo

Gómez Besteiro e os Alcaldes da Mariña acordan as próximas obras do plan de choque da Deputación polas inundacións

Imaxe deputación de lugo
A Deputación primou os criterios de urxencia e eficiencia, polo que decidiuse que as máquinas comecen a traballar na primeira liña de costa dende o día de hoxe

É a terceira vez que o Presidente visita a Mariña dende o inicio do temporal para supervisar os traballos e conseguir que a recuperación sexa o máis rápida posible A Deputación reconstruirá a Ponte de Arante –atravesada polo Camiño Norte- unha vez que a Consellería de Cultura conceda os permisos necesarios O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse este luns cos Alcaldes da Mariña para explicarlles a segunda fase do traballo que realizarán as máquinas do Parque Móbil co fin de reparar os danos producidos polas inundacións nas vías municipais. Unha vez concluidas as valoracións e medicións in situ dos técnicos provinciais, Gómez Besteiro e os Alcaldes mariñanos consensuaron un plan de actuación de corenta días, é dicir, dende hoxe ata o 31 de xullo, que se desenvolverá, en primeiro lugar, nos oito municipios costeiros para logo continuar nos Concellos restantes. O organismo provincial foi a primeira administración en poñer en marcha un plan de choque para a recuperación desta zona da provincia, dotado con 1,2 millóns de euros, dos que 900.000 euros corresponden ós danos producidos na rede viaria provincial e 300.000 ós traballos que realizarán ás máquinas da Deputación nas vías municipais. De feito, esta é a terceira vez que o Presidente visita a Mariña dende o inicio do temporal para supervisar os traballos e conseguir que a recuperación sexa o máis rápida e eficaz posible. Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “dado que o comezo da tempada de verán é inmediata, acordamos que as máquinas comezarán a traballar en primeira liña de costa, dende Ribadeo ata O Vicedo, para que a recuperación sexa inmediata naqueles municipios que contan con praias, xa que son os que rexistran maior número de visitantes nesta época do ano e os que terían maiores mermas económicas. O reparto vai a ser para todos igual, polo que non haberá discusións para actuar no que realmnente é urxente. Isto non é un plan de mellora da rede viaria sen máis, senón que é para actuar con urxencia e ante a inminencia da etapa estival”. Baixo este criterio e as avaliacións dos técnicos da Deputación, o titular provincial anunciou que o Parque Móbil actuará en primeiro lugar nos municipios de Xove, Ribadeo e Burela para logo continuar nos outros 5 que compoñen a franxa costeira da Mariña. Para unha segunda fase, quedan os que se atopan máis no interior, nos que a vindeira semana os técnicos provinciais completarán a avaliación e determinarán as necesidades que serán atendidas dentro do plan da Deputación. En total, traballarán na zona 20 traballadores, ademais de 3 equipos de rego, formados por 3 cisternas de emulsión asfáltica, 2 camións gravilleiros e 3 apisonadoras, ademais de 2 equipos de limpeza, compostos por 2 motoniveladoras, 2 camións basculantes e outras tantas palas. Os traballos que as máquinas levarán a cabo só nas vías provinciais suporán un custe para o organismo provincial duns 50 millóns das antigas pesetas, de tal xeito que a Deputación non só está a colaborar para que a Mariña recobre a normalidade, senón que lle permite aforrar ás arcas municipais o custe da contratación dos traballos. Na xuntanza, celebrada no Museo do Mar, participaron todos os Alcaldes e Tenente-Alcaldes dos 16 municipios mariñanos, agás o de Ribadeo: O Vicedo, Viveiro, Xove, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Ourol, Valadouro, Alfoz, Lourenzá, Trabada, Riotorto, A Pontenova, Mondoñedo, Lourenzá Coordinación con todas as administracións Para aproveitar as sinerxias impulsadas pola Deputación e conseguir a colaboración entre administracións, Gómez Besteiro enviaralle no día de hoxe á Delegación do Goberno en Galicia e á Xunta de Galicia a segunda fase do plan de choque acordado cos Alcaldes, “para que todo o mundo teña que facer o que lle corresponda e non haxa duplicidade”. Neste senso subliñou que “eu creo que as comisións se realizan cando non se queren resolver as cousas. Aquí hai cuestións inmediatas que hai que atender e cada administración ten competencias para actuar, polo tanto non vale que cando haxa problemas nos apartemos e camuflemos as nosas responsabilidades nunha comisión. A xente enténdeo perfectamente: cando un non quere resolver as cousas o que se fai é unha comisión. Aquí hai que traballar. A Xunta de Galicia ten que habilitar as axudas en danos en agricultura que se puideron producir, tal e como se queixaban en Lourenzá ou no Vicedo, onde a produción de berberechos se viu afectada. Aquí ningúen debe mirar para outro lado”. O pasado xoves o Presidente tamén informou por escrito a ámbalas duas administracións do plan impulsado polo organismo provincial, ó tempo que lle indicaba a necesidade de que cada administración debe acelerar as obras de recuperación no seu ámbito competencial, xa que neste caso está perfectamente delimitado. Propostas de emerxencia para Ribadeo Dende primeiras horas do inicio do temporal a Deputación despregou un amplo dispositivo formado por preto dun cento de operarios e máis de 60 vehículos para atender as incidencias producidas pola forte borrasca que obrigou a pechar ó trafico 22 estradas de titularidade provincial por asolagamentos, desprendementos de taúdes e de pontes ou caídas de árbores durante o temporal. Durante os últimos días as empresas ás que a Deputación adxudicou a Conservación da súas estradas traballaron de xeito ininterrumpido para restablecer a situación. De feito, a circulación quedou restablecida, agás na CP 5204 en Ribadeo, onde as choivas ocasionaron o derrubamento da ponte que unía as parroquias de A Ponte e de Arante, e que data de 1923. Neste caso, a Deputación xa realizou unha proposta de emerxencia para contratar a reconstrución da infraestrutura que sofriu importantes danos estruturais, situada á altura do punto quilométrico 0,150. Asimesmo e por estar afectada polo Camiño Norte, tamén solicitou o permiso á Consellería de Cultura e Turismo para que o departamento autónomico indique as instrucións que a Deputación debe ter en conta para a redacción do proxecto. Para esta actuación, o organismo provincial xa habilitou unha partida de 200.000 euros, de tal xeito que unha vez concedidos os permisos pola Consellería, o prazo de execución será de 3 meses.