Deputación de Lugo

A Deputación traslada o Barco Muralla de Lugo a Parga para participar na XVI Feira da Canteira, Callos e Artesanía

Imaxe deputación de lugo
A embarcación permanecerá na localidade guitiricense dende o vindeiro domingo ata o 11 de xullo
60 participantes das ociotecas municipais coñeceron hoxe a aula-turístico mediombiental pioneira en España, e coa que o organismo provincial pon en valor a costa lucense, a riqueza medioambiental da provincia e o Monumento bimilenario

A Deputación traslada o Barco Muralla de Lugo a Parga co motivo da XVI Feira da Canteira, Callos e Artesanía que se celebra este domingo na localidade guitiricense. Deste xeito, todas as persoas que participen na cita gastronómica poderán coñecer a embarcación, única en España, coa que o organismo provincial pon en valor a costa lucense, a promoción económica da riqueza medioambiental da provincia e o Monumento bimilenario. Ademais de participar na Feira, o Barco Muralla de Lugo permanecerá na Praza Maior de Parga ata o vindeiro día 11 de xullo. O horario de atención ó público será de 11:00 a 20:00 horas a fin de semana incluído o venres, e o resto dos días de 11:00 a 17:00 horas. Deste xeito, a aula turístico-medioambiental, logo do Arde Lucus, continúa “surcando” as estradas da provincia para estar presente como “stand” da provincia noutras feiras e festas, contribuíndo á comercialización dos produtos autóctonos lucenses. Precisamente, este venres un 60 rapaces participantes nas ociotecas municipais tamén tiveron a oportunidade de coñecer a embarcación que se inclúe dentro da liña de actuación do programa Lug02, dotada con 950.000 euros e co-financiada ó 70% pola Unión Europea, e que se engáde ás tres Aulas da Natureza que o organismo provincial está a poñer en marcha en Folgoso do Courel, Guitiriz e Fonsagrada dentro do programa medioambiental. Asesoramento empresarial e didáctico A embarcación foi construída por unha empresa de Burela e pintada en Viveiro. Está totalmente ambientada como os barcos mariñanos e as súas cores son vermello e azul marino, seguindo a simboloxía heráldica da Deputación, e verde, segundo as cores de Lug02 e do medio natural. O seu interior está dotado con ordenadores, todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico que de forma total e gratuíta doaron as confrarías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro, ós que se lles adica unha praca de agradecemento. Durante o seu percorrido pola xeografía española, distribuiranse 10.000 dípticos das Reservas da Biosfera, material didáctico, información empresarial e de bolsas de estudos, ademais de vídeos da provincia elaborados polos alumnos da Fundación TIC, dependente do organismo provincial. O barco pesa 3.500 quilos e conta cunha dimensión exterior total de 12 metros de longo e 5 de alto. Ten unha parte expositiva con capacidade para 40 paneis de fotografías, na que se atopa unha sección de imaxes cedidas pola asociación “Terra de Viveiro”, e entre as que destaca a fotografía máis antiga que se conserva do porto viveirense.