Deputación de Lugo

A Deputación destina este ano 721.000 euros a infraestruruas en Concellos de menos de 5.000 habitantes

Antonio Gato subliñou que “grazas a este Plan de cooperación, os municipos menos poboados investirán en 2009 preto dun millón en pequenas obras

O organismo provincial aproba a contración dunha póliza que asegura as obras de arte que custodia nos seus inmobles A Deputación destina este ano 721.000 euros ó Plan de obras de pequenas infraestruturas en Concellos de menos de 5.000 habitantes. A Xunta de Goberno deste venres aprobou as bases que rexerán o procedemento de concurrencia competitiva para a concesión destas subvencións. O Deputado da Área de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato, subliñou o éxito desta iniciativa que puxo en marcha por primeira vez o actual equipo de goberno o ano pasado. “O resultado foi moi satisfactorio porque todos os municipios tomaron parte”. Gato Soengas apuntou que “poderán acollerse a este Plan todos os Concellos de menos de 5.000 habitantes, agás os que estean afectados polo canon eléctrico, que recibirán outros importantes investimentos por parte da Deputación. Estamos a falar de cooperar con aqueles municipios que teñen maior déficit en infraestruras e servizos e menos recursos e que, polo tanto, necesitan máis da axuda da Deputación”. O responsable provincial apuntou que “cada Concello recibirá da Deputacion unha subvención do 70% ata un máximo de 17.000 euros”. Grazas a este Plan, o ano pasado investíronse 908.000 euros en obras nos Concellos máis pequenos da provincia. Desta cantidade, o organismo provincial achegou 607.000 euros e o resto foi aportado polas Entidades Locais. Os 39 Concellos que se benefician deste Plan son: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castroverde, Cervantes, Cervo, O Corgo, Folgoso do Courel, Friol, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, As Nogais, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pontenova, Rábade, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, e Xove. Seguro de bens mobles e inmobles O Goberno provincial tamén aprobou hoxe os pregos para a contración dun seguro de danos para bens mobles e inmobles da Deputación que inclúe por primeira vez as obras de arte que custodia o organismo provincial. O presuposto previsto é de 45.000 euros, fronte ós 20.000 euros do ano pasado. Antonio Gato dixo que “esta diferenza débese a que cando chegou este equipo de goberno a Deputación atopámonos cunha carencia importantísima xa que as obras de arte, que na práctica totalidade están no Museo Provincial, estaban sen asegurar, algo gravísimo que mostra, unha vez máis, o xeito de traballar que tiña o goberno do PP”. O voceiro socialista dixo que a nova póliza inclúe todos os bens en caso de roubo, danos ou incendio. Tamén se aprobaron as cláusulas administrativas para contratar o servizo de seguro de todos os vehículos da Deputación e do INLUDES por un prezo máximo de 45.000 euros, así como o servizo de seguro de asistencia sanitaria para os empregados públicos da institución por un prezo máximo anual de 312.000 euros. Outros acordos da Xunta Por outra banda, adxudicáronse provisionalmente as obras de adecuación interior do pavillón número 3 do Fogar de Santa María destinado a Área de Infrastruturas por 85.500 euros. “Son traballos no interior do recinto relacionados coa distribución de espazos co obxectivo de que o inmoble sexa máis funcional e se adapten ás necesidades dos empregado e do traballo que desenvolven”, apuntou Gato Soengas. Por último, deuse o visto e prace ós novos modelos de propostas de contratos menores e de declaración responsable. Hai que lembrar que con este novo equipo de goberno estableceuse un novo sistema que permite unha maior eficacia, transparencia e fiscalización dos contratos menores que se realizan na Deputación.