Deputación de Lugo

A Deputación inicia a mellora dun acceso de Vilalba á Transcantábrica

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro supervisou os traballos que inclúen o derrubamento dun dos tapóns urbanísticos máis antigos da provincia, así como o ensanche da CP 6513 nun treito de preto de 200 metros

Con esta actuación, que ten un investimento de 30.000 euros, o organismo provincial dá resposta á demanda dos veciños e mellora seguridade dos usuarios da vía A Deputación realiza outros investimentos neste municipio, que xunto coa mellora do acceso á A-8, ascenden a máis de 1,6 millóns de euros O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este luns o inicio das obras de derrubamento do inmoble coñecido como a Casa da Troita, siutada ó carón da ponte do río Magdalena en Mourence (Vilalba) para desfacer un dos tapóns urbanísticos máis antigos da provincia e mellorar a comunicación do casco urbano coa Transcantábrica. Neste senso, Gómez Besteiro destacou que “dito e feito. Poñemos fin, unha vez más, a unha débeda histórica. Os veciños de Vilalba querían que a Deputación eliminase este tapón urbanístico porque é unha das estradas urbanas da provincia que conta con máis afluencia de tráfico ó conectar coa A-8. Sempre pensamos nas grandes vías e non nas que dan acceso a elas. Este é un exemplo. Deste xeito, damos resposta á súa petición, e nun curto prazo de tempo quedará un acceso de calidade e en perfectas condicións á Transcantábrica”. Trátase dunha actuación necesaria e indispensable para mellorar un dos principais accesos deste Concello a unha das autovías que vertebra este Concello coa Cornisa Cantábrica. Deste xeito, ademais do derrubamento do inmoble, o organismo provincial procederá ó ensanche da estrada provincial CP 6513, situado ó carón do mesmo, e que enlaza Vilalba con Betanzos. Concretemente, as obras de mellora do vial comprenden o treito entre o punto quilométrico 0,660 ó 0,815. O máximo mandatario provincial subliñou que “co ensanche deste treito desaparecerán os problemas que teñen os vehículos que circulan por esta zona, e que moitas veces un deles ten que parar para que o outro poidan pasar, o que obrigaba a dar algún que outro frenazo. Por tanto, melloramos a estrada e, o que é mais importante, a seguridade dos seus usuarios”. Gómez Besteiro tamén indicou que “cando se tira unha casa hai moitos sentimentos. Eu quédome co que nos dixo o propietario, que para mellorar é necesario a veces eliminar barreiras coma esta, polo que a min o dono da casa deume unha lección”. Os traballos foron adxudicados á empresa Construcións Sanjurjo, e inclúense dentro da Conservación Integral da Rede Viaria Provincial. Teñen un investimento total duns 30.000 euros e un prazo de execución dun mes. Outros investimentos en Vilalba O organismo provincial realiza outros investimentos neste municipio, que xunto coa mellora do acceso á A-8, ascenden a 1.620.389 euros. Neste senso, dentro do Plan de Conservación da rede viaria provincial aprobado ata 2012 a este Concello correspóndenlle 409.817, para a roza das estradas 17.782 euros e para o Plan de Obras e Servizos (POS) 31.769. Nos últimos dous anos, a Deputación tamén subvencionou obras dentro do Plan de Comunidades Veciñais por valor de 159.083 euros e investiu 971.938 para o equipamento do parque de bombeiros.