Prestixiosos actores galegos participan nas primeiras xornadas sobre audiovisual e gastronomía da Fundación TIC
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
O encontro organizado en colaboración do IES Sanxillao remata mañá e contou ademais coa proxección de documentais e debates sobre as claves do éxito dos formatos audiovisuais asociados ó mundo da gastronomía Os actores Federico Pérez (Josito en Padre Casares) e Víctor Fábregas (Tucho), así como representantes de institucións e do mundo da hostalaría e da educación participaron este xoves en Comer de Cine, un xantar incluído dentro das xornadas Focos e Fogóns organizadas pola Fundación TIC en colaboración co IES San Xillao. Con esta iniciativa, a Fundación TIC pretende dotar ós alumnos do instituto lugués e da Escola de Imaxe e Son de Lugo de novos recursos que lles permitan ampliar a súa formación, aplicando a gastronomía ó campo audiovisual. O menú elaborado polos alumnos do IES San Xillao constou, en primeiro lugar, do seguinte aperitivo: Margarida, do filme Frenesí; e Ancas de rá do avó Ranita, de La Fortuna de Vivir. Como primeiros pratos: Endivias gratinadas con salsa mornay, de Amelie; Crema de cangrexo, da película Celebración; e Tallaríns alla putanesca, de Amarcord. Como segundos pratos: Potaxe de garavanzos con morcilla, de Rufufú; Peixe en salsa, de Vatel; Peituga de polo rechea asada, do filme Las Noches de Cabiria; e Carré de cordeiro ás finas herbas de Deliciosa Martha. Xa como sobremesa: Esfera de xelea, de Cyrano de Bergerac; Tarta de améndoas, de Doot: El Submarino; Savarín de cereixas e chantilly do filme El Festín de Babette; e Té con pastas, de El Quinteto de La Muerte. O grupo musical Kibitka amenizou o xantar coa interpretación das bandas sonoras de filmes cinematográficos. Outros actos do día Os actos do día comezaron ás 11 da mañá, coa proxección do documental Un día en El Bulli, unha produción de VISUAL13 para TVE dirixida por Albert Adrià e que recibiu a Medalla de bronce na Categoría de programa cultural no Festival Internacional de Televisión e Cine de Nova Iork?? e Mellor documental de Filosofía de Empresa e Retrato en Word Media no Festival de Hamburgo. Vicenç Asensio, realizador e director creativo de VISUAL 13 desvelou ós alumnos as claves do traballo no proceso de creación dun documental que recolle o traballo durante unha xornada de 18 horas nas cociñas do recoñecido restaurante de Ferran Adriá. Ás 17:00 horas terá lugar a mesa redonda sobre cociña e televisión, moderada e presentada polo xornalista Manuel Gago onde se analizarán as claves do éxito dos formatos audiovisuais asociados ó mundo da gastronomía, e na que estarán os programas Larpeiros da TVG e España Directo de TVE. O venres o profesor do IES San Xillao, Juan Marey disertará sobre a Escritura e xéneros cinematográficos.