Deputación de Lugo

A Deputación inicia as obras do polígono de Castroverde, aforrando 2,7 millóns de euros ó Concello

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial asume o custe total da infraestrutura e contribúe a manter os postos de traballo existentes, xa que na actualidade 20 PEMES teñen reservada a súa parcela

O Presidente cumpre coa palabra dada ós veciños nunha visita realizada con anterioridade, na que se comprometeu a executar a obra no menor tempo posible A área industrial terá unha extensión de 140.718 metros cadrados e conta cunha situación estratéxica ó situarse a quince minutos de Lugo e moi preto da A-6 O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde de Castroverde, José María Arias, supervisou este venres o inicio das obras do polígono industrial que o organismo provincial constrúe neste municipio a través da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), e no que inviste 2,7 millóns de euros. Deste xeito, a Deputación aforra este custe ó Concello e contribúe a manter os postos de traballo existentes, xa que 20 pequenas e medianas empresas relacionadas coa construción e co sector do automóbil teñen reservada a súa parcela na actualidade. Neste senso, Gómez Besteiro cumpre coa palabra dada ós veciños nunha visita realizada con anterioridade a este municipio, na que comprometeu a execución da área industrial no menor tempo posible. “A Deputación cumpre coa súa palabra e é unha aportación máis ó igual que as piscinas que serán unha realidade en dous meses. Este Concello deixa de investir esta cantidade que asumimos e que amosa que nas políticas de aforro o organismo provincial está presente”. Terá unha extensión de 140.718 metros cadrados e sitúase preto da localidade, ó carón da estrada provincial CP 1611. Atópase a quince minutos de Lugo e ten unha boa conexión coa A-6. O Concello aprobou en Xunta de Goberno no mes de decembro o proxecto de urbanización, un trámite necesario para que o organismo provincial puidese proseguir cos trámites que esixe a contratación da área industrial, e o posterior inicio das obras. O máximo mandatario provincial subliñou que “Castroverde é un dos Concellos que fixo os deberes, polo que reúne todas as condicións para que poida investir SUPLUSA. É dicir, hai demanda, existe compromiso das empresas e o planeamento está tramitado”. Neste senso, Gómez Besteiro engadiu que “neste momento de crise a acción da Deputación é importantísima. Adiantamos os cartos, pero tamén é necesario o compromiso das empresas”. Pola súa banda, o Alcalde salientou que “hoxe é un día grande para Castroverde porque por fin imos ter un polígono moi demandado. Isto é unha realidade grazas á Deputación. Ogallá outras administracións puxeran o mesmo énfase e trouxeran proxectos ó noso Concello en vez de paralizalos. Castroverde é un municipio agrícola, gandeiro e forental, polo que cómpre de sólo industrial para desenvolver a súa actividade”. Un dos polígonos máis avanzados No Orzamento da Sociedade Urbanística Provincial para o ano 2010, que foi aprobado polo Consello de Administración en decembro e que ascende a 24.346.693 euros, contempláse a construción do polígono, que é un dos máis avanzados e que o equipo de goberno da Deputación confía en ter rematado neste mandato. “Ó igual que o licitamos en tempo récord, nos vindeiros meses os veciños poderán ver como as máquinas traballan todos os días para executar este proxecto canto antes”. A Deputación continúa así co obxectivo de seguir creando solo industrial na provincia para xerar riqueza en Lugo e aumentar o volume de negocio na provincia. En total, está a actuar en 31 Concellos que suman preto de 5 millóns de metros cadrados. Ademais da de Castroverde, as áreas industriais que están máis adiantadas e practicamente rematadas son as de Ourol, Baleira, Friol e Begonte.