Deputación de Lugo

A Deputación aproba 291 subvencións dentro do Plan de Comunidades Veciñais de 2008

O organismo provincial subvenciona con 70.000 euros dúas obras no casco urbano de Monforte de Lemos

A Deputación vén de outorgar 291 subvencións dentro do Plan de Comunidades Veciñais de 2008 que está dotado con 2.200.000 euros. A Xunta de Goberno ratificou este venres o decreto da Presidencia en relación coa concesión de subvencións a entidades asociativas, agrupacións e asociacións de veciños para a realización de obras e establecemento, ampliación e mellora de servizos de intresese veciñal. O Deputado da Área de Cooperación cos Concellos e voceiro do grupo socialista, Antonio Gato, dixo que “se concederon subvencións a comunidades veciñais de todos os Concellos da provincia, agás o de Rábade, no que non se presentou ningunha solicitude. A contía de cada subvención non pode exceder os 12.000 euros, e tampouco poden exceder o 75% do importe da actividade subvencionable”. O obxectivo é “artellar axudas para a realización de obras de acondicionamento no eido urbano e rural. Pequenos abastecementos de auga potable, saneamentos, pavimentacións, rede de sumidoiros, iluminacións públicas, acondicionamento de camiños rurais, instalación de pequenos repetidores de televisión, arranxo e acondicionamento de capelas, fontes, hórreos etc”. Segundo sinalou Gato Soengas, “a convocatoria destas subvencións fíxose en réxime de concurrencia competitiva e para a súa concesión seguíronse uns criterios obxectivos, como o número de veciños beneficiados pola obra ou a inexistencia ou insuficiencia de cobertura pública ou privada para dar satisfacción real da necesidade á que se dirixen. O resultado do reparto é equilibrado”. O Deputado avanzou que “xa se está a traballar nas bases para unha nova convocatoria. Unha vez que os Presupostos de 2009 entren en vigor, dentro de aproximadamente un mes, prodecerase a unha nova convocatoria, que tamén estará dotada con 2.200.000 euros”. Obras en Monforte de Lemos O goberno provincial tamén ratificou a proposta da Presidencia relativa ó convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Monforte de Lemos para a realización de 2 obras de mellora de espazos públicos e infraestruturas neste municipio, que serán subvencionadas con 70.000 euros polo organismo provincial. “Trátase das obras de mellora de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas da Praza de Carud, ás que se destina unha axuda de 40.000 euros, e a redacción do proxecto de construción dunha nova ponte sobre o río Cabe que comunique Aceña nova co Barrio de Covas, con 30.000 euros”, dixo Antonio Gato. O voceiro socialista apuntou que “esta actuación entra dentro dos obxectivos da Presidencia de fomentar as actividades que redunden nunha potenciación e mellora da actividade social e económica da provincia”. Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou os xuros correspondentes a 19 expedentes expropiatorios que suman un total de 52.114 euros.