Deputación de Lugo

A ría de Ribadeo e a Muralla de Lugo, destinos esta semana en Km0

Alumnos de Meira e veciñas de San Cibrao participan neste programa de visitas promovido pola Deputación

Preto dun cento de rapaces de Meira e de veciñas de San Cibrao, no Concello de Cervo, participan esta semana no programa de visitas institucionais e medioambientais Km0 que promove a Deputación. Nesta ocasión, as rutas elexidas son a ría de Ribadeo e o Lugo romano. Un grupo de 55 alumnos e profesores o Centro de Educación Infantil e Primaria de Meira foi recibido este martes no Pazo Provincial. Trala recepción, os rapaces, de 10 e 11 anos de idade, coñeceron as instalacións da produtora da Fundación TIC, onde viron todo o proceso de elaboración do producto audiovisual. Pola tarde, desprazaranse a Ribadeo, onde visitarán o Centro de Cultivos Mariños e o convento de Santa Clara. Ademais, farán una travesía en barco pola ría ribadense. Mañá, serán 36 compoñentes da Asociación de Mulleres de San Cibrao, do Concello de Cervo, as que participen en Km0. Neste caso, optaron pola ruta do Lugo romano. Visitarán a igrexa de Santa Eulalia de Bóveda, o Centro de Interpretación da Muralla, a catedral e as termas. Tamén percorrerán as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño.