Deputación de Lugo

A sede do Ibader en Lugo estará lista antes do verán

A Vicepresidenta Segunda da Deputación participou na reunión do Consello de Goberno do InstitItuto de Desenvolvemento Rural

As obras de remodelación do edificio ‘A Granxa’ que acollerá a sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) estarán rematadas antes do mes de xullo. Así o anunciou o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, nunha reunión celebrada este xoves 15 entre os representantes das entidades que asinaron o convenio de colaboración para o acondicionamento das instalacións, as consellarías de Medio Rural e de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e a Deputación Provincial de Lugo, ademais da propia USC. A sede, situada entre a Facultade de Empresariais e o Hospital Clínico Rof Codina e que foi cedida pola Deputación Provincial de Lugo, albergará tras a súa restauración un espazo destinados ás investigacións realizadas polo Instituto, entre outras salas, e infraestruturas para o desenvolvemento das actividades de I+D+i. Durante a reunión, na que participou a Vicepresidenta Segunda da institución provincial, Lara Méndez, ratificouse ademais ó director do Ibader, Pablo Ramil Rego, e á secretaria Elvira López Mosquera, que foron reelixidos para un segundo mandato, e anunciáronse as actividades propostas para desenvolver a través deste centro, entre elas, a posta en funcionamento dun banco dixital de información sobre o medio ambiente e rural de Galicia. Preto de 40 investigadores deste instituto teñen defendido as súas teses de doutoramento desde a creación do centro, en 2001, e durante os curso 2007-2008 a captación dos recursos de I+D+i superou os 2.700.000 euros. Ademais de actividades docentes e de formación, entre os obxectivos principais do Instituto atópase o desenvolvemento da investigación científica e técnica no campo da biodiversidade, os sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal e o desenvolvemento rural. O Ibader realiza tamén labores de asesoramento técnico a entidades, asociacións e empresas vinculadas co sector, tratando de potenciar novos mercados de traballo para os alumnos das titulacións relacionadas.