Deputación de Lugo

Prestixiosos actores galegos ofrecerán na Deputación un recital sobre a poesía de Uxío Novoneyra

Imaxe deputación de lugo
O espectáculo contará coa presenza de Mabel Ribera, Rebeca Montero ou Lino Braxe, quenes rendirán homenaxe ó poeta co motivo do Día das Letras Galegas

A Deputación colabora na elaboración do CD Uxío Novoneyra. Últimas Paisaxes que reúne diversas testemuñas do autor compañadas polas voces de intérpretes da escea galega e recopiladas do arquivo sonoro de RNE

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, a Directora do medio radiofónico en Galicia e Lino Braxe, presentaron a maqueta musical e o recital que se desenvolverá o vindeiro mércores no Pazo de San Marcos

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, a Directora de RNE en Galicia, Celia Díaz, e o actor e escritor galego, Lino Braxe, presentaron este venres o CD Uxío Novoneyra. Últimas Paisaxes e o espectáculo que se celebrará no Pazo de San Marcos o vindeiro mércores, ás 20:00 horas, co motivo do Día das Letras Galegas, que este ano se adica ó poeta do Courel. Lara Méndez destacou que “para a Deputación, como non podía ser doutro xetio, é unha satisfacción colaborar con proxectos coma este nos que se pon en valor a nosa provincia e a nosa riqueza cultural. Co acto que hoxe presentamos todos os galegos e todos os lugueses lle rendimos homenaxe a un poeta de Lugo, que foi un referente na literatura do século XX, que soubo dar unha imaxe de provincia e de amosar ó mundo o seu Courel natal”. A maqueta musical que, segundo Lara Méndez, “é unha auténtica reliquia”, reúne diversas testemuñas do autor, acompañadas polas voces de prestixiosos intérpretes da escea galega, aqueles que na vida do poeta contaron coa súa aprobación para recitar os seus versos. Deste xeito, as actrices Mabel Rivera, Rebeca Montero e, o director do proxecto, Lino Braxe, darán vida ós textos de Uxío, contando coa colaboración do músico Rómulo Sanjurjo. Ademais, o CD inclúe doce dos seus poemas máis significativos, de Libertá a Vietnam, Canto, ou de O Corvo Nuclear a O Lobo, que serán recitados polo propio poeta no CD, e que foron recuperados do arquivo sonoro de RNE. Asimesmo, na maqueta tamén se poden atopar dúas pezas para soprano e piano compostas polo falecido compositor Manuel Balboa sobre os poemas Os Eidos, obra capital do poeta. A Directora de RNE amosou a súa satisfacción pola inciativa, “xa que como luguesa e galega esta homenaxe á unha honra”. Neste senso, lembrou que este medio de comunicación xa celebrara aproximadamente hai un ano e medio outro recital, reunindo neste mesmo escenario ás voces máis destacadas da lírica galega do momento, “polo que o acto de hoxe non debe entenderse como un feito illado, senón como un paso máis no apoio e difusión da nosa cultura. A dirección da emisora autorizou que se empregasen estas testemuñas do Courel extraídas do programa Noroeste que RNE en Galicia emitiu no ano 1988”. Lino Braxe loubou a figura do poeta e cualificouno como “un gran estudoso da voz. A súa maneira de interpretar as Cantigas de Amigo e de Amor demostran todo o traballo que realizaba para conectar co público. Polo que nada do CD é casual”. Deste xeito, sinalou que o material empregado para a elaboración do produto musical data dos anos 60 e 70, ó tempo que recoñeceu que a amistade que Novoneyra mantiña co músico Manuel Balboa foi unha das cuestións que lle axudaron a desenvolver a idea. O 17 de maio, a Real Academia Galega adica o Día das Letras Galegas ó poeta Uxío Novoneyra. O escritor do Courel é lembrado por dous poemas moi significativos dunha época “Vietnam Canto” e “Letanía de Galicia”, pero sobre todo polo libro “Os Eidos”, escrito segundo as variacións do galego que se fala nas montañas onde naceu. Deste xeito, o CD Uxío Novoneyra. Últimas Paisaxes convertirase durante o mes de maio nunha das aportacións máis orixinais e rigorosas da figura do escritor e poeta da Montaña luguesa. Actores colaboradores Lino Braxe é escritor, actor e director de teatro. Comezou nesta última disciplina en 1985 coa Compañía Luis Seoane. Destaca a súa participación como intérprete en series de televisión como Pratos Combinados, Mareas Vivas, Rías Baixas, Galicia Exprés, ou A Vida por Diante. Protagonizou varias curtametraxes e, no edio literario, conta coas seguintes publicacións: Banquete, A Caricia da Serpe, O Sangue dos Árabes e Territorio (poemarios); A Promesa (prosa teatral); A Memoria Perdida, Conde Vampiro e A Cor do Ceo (narrativa), A Máxia da Palabra: Cunqueiro na Rádio (antoloxía de textos deste escritor). Mabel Rivera é unha actriz de enorme experiencia teatral. En Galicia é coñecida dende hai máis dunha década como a protagonista da comedia Pratos Combinados. Acadou o máximo recoñecemento a nivel nacional coa oscarizada película Mar Adentro, dirixida por Alejandro Amenábar, e que lle serviu para acadar o Premio Goya das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España á Mellor Actriz de Reparto, o Premio Sant Jordi de Cinematografía á Mellor Actriz Española e outra longa lista de recoñecementos, e excelentes críticas. Ademais de como actriz, traballou como presentadora, tradutora e axudante de dirección. Destaca tamén na dobraxe, de tal xeito que foi a voz de Michelle Pfeiffer en La Edad de la Inocencia de Martin Scorsese. Rebeca Montero Martínez. Esta intérprete galega desenvolveu a maior parte da súa carreira en Galicia. Traballou en numerosas series da televisión autonómica galega como Mareas Vivas, A vida por diante, ou Matalobos. En marzo de 2009 recibiu o premio de Teatro Maria Casares á actriz secundaria pola obra A Boa Persona de Shezuan. Premio que volvería a recibir en 2010 pola obra O segredo dos Hoffman.