Deputación de Lugo

Estudantes de Castro de Rei visitan o Centro de Interpretación Terras do Miño

O luns comezará o cuarto curso de cestería do CENTRAD no que os participantes elaborarán paxes da mariña lucense e coruñesa

24 alumnos do Colexio Ramón Falcón de Castro de Rei visitaron este venres o Centro de Interpretación Terras do Miño, así como o contorno do Paseo do río Rato. Técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES), a través dunha visita guiada, amosaron ós participantes na iniciativa a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representadas polos bosques da ribeira, árbores centenarias, prantas acuáticas, etc. Con este visita, a Deputación promove o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico incluído na Rede Mundial de Reservas da Biosfera o 7 de novembro de 2002. Os estudantes tiveron a oportunidade de descobrir este espazo natural que conta cunha superficie de 363.669 hectáreas. Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia e unha das máis extensas de España. Abarca o 39% do territorio de toda a provincia e inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara. Cursos cestería O sábado e domingo, 21 e 22 de marzo, a artesá María de la Cruz Isabel Torre Quintáns impartirá o terceiro curso de cestería de inverno da programación do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación: cestería de palla. Sombreiro de Noia (3ª parte). O obradoiro desenvólverase de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Dispón de 16 horas de formación e os participantes aprenderán a elaborar sombreiros a través da técnica de cosido de trenza e cosido de tea. Asimesmo, Carlos Fontales, desde o 23 ó 26 de marzo, impartirá o curso de cestería tradicional galega de vimbio. Paxes da mariña lucense e coruñesa. O obradoiro desenvolverase de 16:00 a 20:00 horas no Centro de Cestería do río Rato.