Deputación de Lugo

Entra en funcionamento a UPD creada pola Deputación e a Consellería de Traballo

Un equipo multidisplicinar prestará o seu servizo na cooperación cos Concellos, medio ambiente e novas tecnoloxías

Un Diplomado en Relacións Laborais, un Enxeñeiro Técnico en Obras Públicas, un Enxeñeiro Técnico en Telecomunicacións, un Arquitecto Técnico e un Administrativo forman o equipo multidisplinar da Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) creada polo Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) e a Consellería de Traballo. Trátase da primeira UPD que pon en marcha o novo equipo de goberno da Deputación e ten como función principal colaborar cos Concellos da provincia na elaboración e asesoramento de proxectos vencellados co desenvolvemento económico das zonas de actuación. Desde esta unidade, que ten a súa sede no Pazo de San Marcos, prestarase apoio e asesoramento nas cuestións estratéxicas do actual equipo de goberno: cooperación cos concellos, medio ambiente e novas tecnoloxías. Asimesmo, realizarase un estudo da Televisión Dixital Terrestre (TDT) e unha análise do tecido empresarial da provincia, desenvolvendo estratexias e metodoloxías de apoio á inserción laboral, principalmente coa creación de iniciativas empresariais e autoemprego. Traballarase, ademais, cos Concellos en cuestións relacionadas con recursos humanos e urbanismo, así como na elaboración de proxectos relacionados coa creación de emprego estable e a mellora do desenvolvemento socioeconómico deste, facendo fincapé nos municipios máis desprotexidos. A UPD complementa outras iniciativas postas en marcha pola Deputación como os Programas de Empresas e Sucesión Familiar, sufragado ó 100% pola Deputación e destinado ó afianzamento das empresas familiares e emprendedores da Mariña luguesa, e o de Apoio ó Tecido Empresarial co que o INLUDES subvencionou ós autónomos con 700.000 euros co obxectivo de impulsar o sector produtivo da provincia, e outros proxectos nos que está a traballar a institución provincial como o Innova-TE, dirixido a implantación de novas tecnoloxías e dotado con 9 millóns de euros, e o Lug02 que, cun orzamento de 5 millóns de euros, persegue impulsar os espazos naturais para converter o medio ambiente nunha oportunidade económica. As Unidades de Promoción e Desenvolvemento configúranse como módulos de intervención en ámbitos territoriais de carácter supramunicipal que colaboran na preparación, acompañamento e avaliación de proxectos de escolas taller, casas de oficios e obradoiros de emprego, descobrindo as pontencialidades de desenvolvemento e emprego do seu territorio, elaborando plans de integrais de intervención nestas áreas.