Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación e os Alcaldes asinarán o vindeiro xoves o convenio do Fondo Extraordinario

A Xunta de Goberno adxudicou o novo servizo de vixilancia e control dos edificios depedentes do organismo provincial e a adquisición de 4 vehículos para o Parque Móbil

Gato Soengas anunciou que a Deputación propoñerá ós Concellos un convenio para mellorar a xestión catastral O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e os Alcaldes e Alcaldesas asinarán o vindeiro xoves o convenio do Fondo Extraordinario do organismo provincial que complementa ó Fondo Estatal de Investimento Local, segundo anunciou este venres o Deputado da Área de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato. Haberá dúas quendas: “os rexedores de 33 Concellos, seguindo a orde alfabética, asinarán o convenio ás 10 da mañá, e resto ás 13:00 horas”. Gato Soengas destacou este venres que “a Deputación, por iniciativa do Presidente, fai un importante esforzo inversor, de preto de 1,5 miilóns de euros, para que todos os Concellos da provincia poidan presentar en tempo e forma os proxectos e non se perda nin un só euro”. O Deputado lembrou que “o organismo provincial aporta o 4% para a redacción dos proxectos técnicos”. Segundo os datos aportados polo responsable da Área de Cooperación cos Concellos, ata hoxe,19 Entidades Locais presentaron 70 proxectos por un valor de 13.202.985 euros. “Este é un nivel baixo, porque tan só quedan 8 días de prazo, polo que desde a Deputación facemos un novo chamamento para que axilicen todo o proceso. Sería lamentable que estes fondos non foran aproveitados na súa totalidade”. Mellora xestión catastral Por outra banda, o Deputado da Área de Cooperación cos Concellos anunciou que a Deputación vén de propoñer ós 45 Concellos adscritos ó novo Sistema de Recadación provincial un convenio para a mellora da xestión catastral. “Os rexedores xa recibiron nunha comunicación na que plantexamos a posibilidade de que a Deputación convoque un concurso para adxudicar a unha ou dúas empresas esta xestión con fin de reducir costes e mellorar a eficacia na conformación dos padróns”. Gato Soengas sinalou que deste xeito, “poderán incluirse nos padróns moitos dos bens inmobles que hai nos distintos Concellos que están sen rexistrar, e de aí derivarase un novo ingreso para os municipios”. Seguridade edificios da Deputación Gato Soengas fixo estes anuncios na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno deste venres na que se adxudicou definitivamente o servizo de vixiancia e control de edificios dependentes da Deputación. O voceiro do grupo socialista dixo que “o organismo provincial incrementará o servizo de vixilancia e control en edificios e dependencias da institución para garantir a seguridade tanto dos inmobles como do material que albergan”. O servizo, adxudicado ó grupo CETSA por 825.996 euros, “inclúe importantes novidades como a implantación por primeira vez de sistemas de vídeovixilancia, a inclusión do edificio do Fogar de Santa María e o control dos acceso das visitas. Ademais, incrementarase nun 53% o número de vixilantes, que pasará de 15 a 23”. O goberno provincial tamén acordou a adxudicación provisional de 4 novos vehículos para o Parque Movil da Deputación: un camión gravilleiro e caixa basculante, unha máquina motoniveladora, unha cisterna de emulsión asfáltica e un semi-remolque tipo bañeira. As catro adxudicacións suman un total de 457.763 euros. Por outra banda, apróbanse os pregos para a contratación dos servizos de asistencia técnica para a xestión e seguemento das actuacións previstas no proxecto europeo Lug02. O prezo previsto é de 237.800 euros. “O LugO2 é unha ambiciosa iniciativa pola que se investirán 5 millóns de euros na posta en valor dos recursos mediomabientais, sociais e económicos dos Concellos incluídos nos espazos naturais protexidos, que representan o 55% do territorio da nosa provincia”.