Deputación de Lugo

Comeza a instalación do sistema de vídeovixilancia nos edificios da Deputación

Os Pazos de San Marcos e Deportes, o Fogar de Santa María e o Museo Provincial estarán controlados por 45 cámaras

Este servizo cubre unha importante carencia que tiña a Institución e garante a seguridade tanto dos seus inmobles como do material que albergan Co obxectivo de protexer os bens de interese xeral e as pezas de valor que custodia o Museo, o organismo provincial aumentará a seguridade presencial creando 8 novos postos de vixilante A Deputación contará por primeira vez cun sistema de vídeovixilancia para garantir a seguridade tanto dos seus inmobles como do material que albergan. Hoxe comezou o proceso de instalación das cámaras no Pazo de San Marcos para logo continuar no Museo e no Pazo dos Deportes. No caso do edificio do INLUDES, a instalación terá que postpoñerse debido ás obras de demolición que nestes momentos se están a levar a cabo e que corresponden ó derribo do muro exterior, do engadido posterior que une os pavillóns 1, 2 e 3, e do teito que comunica o pavillón 1 coa Capela de Santa María. En total instalaranse 45 cámaras. O maior número (30) estarán no Museo Provincial tendo en conta as importantes obras que custodia; no Pazo de San Marcos haberá 6, e outras tantas no Fogar de Santa María; no exterior do Pazo dos Deportes colocaránse 3. A instalación de videocámaras tamén é necesaria tendo en conta a futura apertura do paseo interior dentro Plan Urban. O proceso consta de 3 fases: implantación de infraestruturas de cableado, instalación dos equipos e formación dos usuarios. No caso da Deputación o proceso terá unha duración aproximada dunha semana, de tal xeito que a empresa podería comezar a instalación do sistema no Museo a mediados da semana que vén. O organismo provincial incrementa así o servizo de vixilancia e control en edificios e dependencias, xa que ata o de agora era moi deficiente. Había edificios sen ningún tipo de seguridade e outros nos que este era claramente insuficiente, como o Museo, tendo en conta as pezas de valor que custodia. Deste xetio, este servizo vén a cubrir unha importante carencia que tiña a Institución neste eido, xa que nestes momentos só hai vixilancia presencial no Pazo de San Marcos e no Museo Provincial. Concluído o sistema de vídeovixilancia, procederase á contratación do control de visitas tanto no Pazo de San Marcos como no Museo Provincial onde se instalarán arcos detectores de metais e todas as persoas alleas ó persoal da Institución deberán levar unha pegatina ou tarxeta indentificativa. O servizo incluirá outras melloras como detectores manuais de metais Garret, espellos revisores para mirar os baixos dos coches, control de rondas informatizado, análise de seguridade T.S.C.M etc. Máis vixilantes Co obxectivo de protexer os bens de interese xeral e as pezas de valor que custodia o Museo, o organismo provincial aumentará tamén a seguridade presencial creando 8 novos postos de vixilante. En total haberá 23, un 53% máis que neste momento. O Museo Provincial pasará dos 5 actuais a 8; as 3 incorporacións serán para o horario de apertura ó público. O Fogar de Santa María terá por primeira vez 5 vixilantes, e os Pazos de San Marcos e Deportes manterán os 5 que teñen neste momento. O contrato foi adxudicado a CETSA Seguridad S.A. por 825.996 euros, que incluíu as melloras (videovixilancia, arcos de metais etc) por 164.247 euros.