Deputación de Lugo

A historia da emigración vilalbesa, protagonista dun documental gravado por bolseiros da Fundación TIC

O Presidente da Deputación participou na presentación da mediametraxe “O Legado Migratorio Santaballés”, gravada pola produtora Imaxina en colaboración con 6 bolseiros da Escola de Imaxe e Son da institución provincial75 veciños da parroquia vilalbesa son os protagonistas da rodaxe que recrea a traxectoria da escola habaneira creada polos antepasados desta localidade que estiveron en Cuba

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, participou este sábado na presentación da mediametraxe “O Legado Migratorio Santaballés”, gravada pola produtora Imaxina en colaboración cos bolseiros da Escola de Imaxe e Son da TIC, dependente da institución provincial. O documental amosa a historia da emigración na zona e recrea a traxectoria da escola habaneira desta localidade vilalbesa, inaugurada en 1916 e que, durante medio século, facilitou a escolarización de centos de nenos desta parroquia. Na actualidade, segue prestando servizo para fins sociais ós veciños.

Gómez Besteiro e o Presidente da Asociación de Amigos da Liga Santaballesa, Isidro Cillero, explicaron que 6 rapaces da Escola participaron na gravación, combinando educación e recuperación das tradicións. A Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC é a única da provincia na que estudan preto de 90 alumnos cada ano. Con esta colaboración, o Presidente destacou que “tamén contribuímos a que os estudantes adquiran experiencia para acceder ó mercado laboral, unha condición importante para que atopen traballo canto antes”. No acto tamén participaron o Alcalde deste municipio, Gerardo Criado e o Director do CETAL, Eduardo Vidal Baamonde, entre outros.

Os veciños de Santaballa, os protagonistas

A gravación levouse a cabo no mes de decembro en localizacións como a escola, os seus exteriores ou unha casa de lugar que regresou por unhas horas ós anos 20. En total, son 18 secuencias, escritas por Daniel Vázquez Vila e dirixidas por el mesmo xunto a Jaime Pardo. Deste xeito, os fillos, nestos, primos ou sobriños dos fundadores da asociación santaballesa, fundada en Cuba polos emigrantes desta localidade, foron os encargados porlle cara ós seus antepasados, recreando a figuras como o mestre, o cura, o presidente da liga, os alumnos, o emigrante e a toda a súa familia. En total, na rodaxe participaron 75 veciños desta parroquia.

Asimesmo, o documental repasa cuestións como a chegada da máquina de coser ou da máquina de escribir á zona rural. O audiovisual tamén recolle o espírito das vellas películas mudas, polo que se fixo en branco e nego, sen diálogos e com ambientación musical.