Deputación de Lugo

A Deputación reabre ó tráfico a CP-5504 de Riotorto, afectada polo pasado temporal

A institución lucense habilitou novamente esta vía para o uso dos veciños tras arranxar os graves danos ocasionados na súa estrutura polo pasado temporal As obras consistiron na reconstrución das cunetas e o arranxo do firme empregando grava e zahorra. O rego asfáltico acometerase nos vindeiros días, en canto as condicións meteorolóxicas o aconsellen

A Deputación de Lugo vén de reabrir ó tráfico a estrada provincial CP-5504 de Riotorto, apenas un mes despois dos graves danos que esta vía sufriu na súa estrutura, a consecuencia das chuvias caídas durante o pasado temporal. Esta pronta reapertura foi posible grazas ó traballo das máquinas da Deputación, que acometeron unhas obras consistentes na reconstrución das cunetas, así coma no arranxo da plataforma, para o que se empregaron grava e zahorra compactadas.

Deste xeito, só resta proceder ó regado asfáltico do firme desta estrada, que comunica as parroquias de Muiñonovo, Vilaseca e Santalla coa estrada LU-124, tarefa para cuxa realización é necesario que se dean as condicións meteorolóxicas aconselladas.