Deputación de Lugo

A Deputación colabora cos veciños de Xermade para dotar de iluminación a dous barrios

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro e o representante da Asociación “Progreso de Lousada”, formada por máis de 80 socios, asinan o convenio de colaboración para instalar este servizo nas localidades de Pazo e A VeigaDas 10 parroquias que forman este municipio, estes son os únicos lugares que non dispoñen de alumeado público

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o representante da Asociación de Veciños de Lousada, Artemio Rodríguez, asinaron este martes un convenio de colaboración para a instalación de mellora do alumeado público en varias localidades deste municipio. O máximo mandatario provincial e o responsable da entidade asociativa subscribiron o acordo, que se viña xestando nos últimos meses e cuxas obras se iniciarán de xeito inmediato, no local social de dita parroquia.

Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “estamos hoxe en Xermade para atender unha das necesidades deste municipio, colaborando na instalación de 14 puntos de luz nos únicos barrios que na actualidade non teñen este servizo: Pazo e Veiga. Para nós é unha satisfacción contribuír a que os veciños desta parroquia teñan as mesmas oportunidades que os das 9 restantes que forman este Concello”.

A Asociación Sociocultural e Medioambiental “Progreso de Lousada” intégrana 83 socios e adica os seus maiores esforzos ó estudo e resolución dos problemas desta parroquia. Dentro o obxectivo de desenvolver iniciativas que impulsen o benestar dos cidadáns, solicitaron a colaboración do organismo provincial para o desenvolvemento deste proxecto que inclúe a instalación integral do tendido eléctrico co que se subministrará de iluminación ás devanditas localidades, de tal xeito que con esta actuación cumprirase satisfactoriamente a demanda das actividades que realizan tanto os socios da asociación como os veciños. Para esta iniciativa, a Deputación chega preto de 20.000 euros.

Continúan as obras

Gómez Besteiro tamén lembrou que o organismo provincial continúa a desenvolver as obras de mellora nas estradas provinciais CP 6509 do Carrizo a Lousada, -concretamente dende o punto quilométrico 0,000 ó 9,277-, e na CP 2206 de Casanova por Lousada á de Lanzós a Vilapedre, neste caso dende o punto quilométrico 0,000 ó 1,950. Para o acondicionamento destes viais, o organismo provincial achega máis de 1,5 millóns de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública.

Os traballos, que afectan a 11 quilómetros destas dúas estradas que unen os Concellos de Vilalba e Xermade, inclúen a eliminación de curvas perigosas, ensanche da plataforma pasando dos 4,5 metros ós 6,5 metros, aglomerado en quente, apertura de cunetas, sinalización vertical e horizontal, e colocación de ollos de gato. Trátase dunhas obras moi demandadas polos veciños e polos usuarios das mesmas, xa que enlazan coa autovía Ferrol-Vilalba e coa comarcal Cabreiros-Viveiro.