Deputación de Lugo

O Barco Muralla de Lugo amarra esta fin de semana na Feira de San Isidro de Sarria

Imaxe deputación de lugo
A aula turística medioambiental poderá visitarse o sábado e o domingo no campo da feira da vila, en horario de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 19:00A Deputación tamén aproveitará este concorrido festexo para mostrar á cidadanía como funciona a Administración Electrónica instalando o domingo a carpa @ nas instalacións do mercado gandeiro. O horario neste caso será de 11:00 a 19:00

O percorrido do Barco Muralla de Lugo pola provincia para difundir os recursos naturais de Lugo en xeral e da súa Costa en particular continúa esta fin de semana en Sarria, ata onte a embarcación “navegarᔠcoincidindo coa celebración da Feira de San Isidro. A aula turística medioambiental estará aberta no campo da feira da vila o sábado e o domingo, en horario de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 19:00.

Construído o pasado ano no marco do proxecto Lug02 da Deputación, o Muralla de Lugo conta no seu interior con ordenadores, todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico. Nas localidades nas que recala distribúense dípticos das Reservas da Biosfera, material didáctico, información empresarial e de bolsas de estudos, ademais de vídeos da provincia elaborados polos alumnos da Fundación TIC, dependente do organismo provincial.

A Deputación aproveitará tamén a concorrida Feira de San Isidro para mostrar ós cidadáns dun xeito directo e ameno como funciona a Administración Electrónica e as súas vantaxes, ademais de familiarizalos no uso das novas tecnoloxías. Para elo, instalará a aula formativa itinerante do programa Innova-TE na vila sarriana este domingo. Poderá visitarse en horario de 11:00 a 19:00 horas nas instalacións do campo da feira.

Na moderna instalación, de 230 metros cadrados e cor vermella, haberá talleres formativos, obradoiros, xogos, sorteos de diverso material tecnolóxico imprescindible para usar a e-Administración, e mesmo simuladores de última xeración. A aula formativa do Innova-TE dará a coñecer así mesmo as experiencias de empresas da provincia de Lugo que implantaron con éxito as novas tecnoloxías no seu modelo de negocio. Neste caso, as firmas participantes son a adega Vía Romana de Chantada e Cárnicas Teijeiro, radicada no propio Concello sarriano, que expoñerán a súa actividade e produtos, e ofrecerán degustacións.

Calendario do Barco Muralla e as aulas móbiles

Trala súa estancia en Sarria, o Barco Muralla de Lugo continuará o seu percorrido no Concello de Paradela, onde fondeará os días 14 e 15 de maio. De xeito complementario, a Deputación puxo en marcha tres aulas móbiles, que tamén están a percorrer a provincia co fin de poñer en valor os recursos naturais e paisaxísticos dos municipios pertencentes ás tres Reservas da Biosfera da provincia (Terras do Miño, Os Ancares e Río Eo-Oscos-Terras de Burón) e a Serra do Courel. Para elo ofrecen diversas actividades divulgativas, como obradoiros, proxeccións de documentais e rutas, dirixidas a tódalas idades.

Neste mes de maio, a aula dedicada á Terra Cha estará na capital lucense este domingo e os días 16, 23 e 30; en Friol, o día 10; en Guntín, o 11; en Muras, o 17; en Xermade, o 18; en Rábade, o 24; en Outeiro de Rei, o 25; en Begonte, o 26, e en Cospeito, o día 31.

A aula sobre a comarca da Montaña desprazouse a fin de semana pasada á Fonsagrada e Láncara e o seu calendario inclúe paradas en Folgoso do Courel o 23; en Becerreá, o 24; en Cervantes, o 25; en Barralla, o 26; en Navia de Suarna, o 27; no Páramo, o 28; no Corgo, o 29; en Castroverde e Castro de Rei, o 30, e nos concellos de Baleira e Negueira de Muñiz, o 31.

En canto á programación da aula da Mariña, para o día 9 están previstas actividades en Meira; o 10, en Pastoriza; o 11, en Ribeira de Piquín; o 16, en Ourol; o 17, en Alfoz; o 18, no Valadouro; o 19, en Abadín; o 23, na Pontenova; o 24, en Riotorto; o 25, en Trabada; o 30, en Ribadeo, e o 31, en Vilalba.