Deputación de Lugo

A plataforma de comercio electrónico da Deputación incrementa nun 75% o número de empresas adheridas

Besteiro fixo este anuncio durante a entrega de diplomas ós 20 participantes en “Galicia Xoven Responde”, o programa formativo da “Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo”O Presidente convida ós mozos empresarios a sumarse ó 1º centro comercial virtual da provincia para, sen custe algún, promocionar, vender e distribuír os seus produtos en mercados nacionais e internacionais, as 24 horas dos 365 días ó ano

Un mes logo da posta en marcha da plataforma de comercio electrónico da Deputación, o primeiro centro comercial virtual da provincia denominado Los Produtos de Lugo, o número de empresas lucenses adheridas á iniciativa da institución incrementouse nun 75%, ascendendo ás 26 entidades, mentres o de produtos fíxoo nun 33%, acadando os 150. Así o avanzou o Presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, durante a entrega dos diplomas ós participantes no programa formativo “Galicia Xoven Responde-Edición Lugo” organizado pola “Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo” (AJE). Besteiro aproveitou o encontro cos empresarios lucenses para convidalos a sumarse á plataforma e, sen custe algún, promocionar, vender e distribuír os seus produtos en mercados nacionais e internacionais as 24 horas dos 365 días ó ano.

Los Produtos de Lugo, creada ó amparo do Innova-TE e co-financiada nun 70% pola Unión Europea, contribúe mediante as novas tecnoloxías ó desenvolvemento económico de Lugo e á promoción das empresas, abríndolles unha nova canle de venda dos seus servizos que, de xeito totalmente gratuíto, lles axudará a incrementar o volume de beneficios, así como a manter ou aumentar o número de postos de traballo. Ademais, ofrece por vez primeira unha imaxe conxunta e unha marca dos produtos lucenses ó exterior, independentemente do provedor que os ofreza.

As firmas interesadas en adherirse deben presentar no Rexistro Xeral da Deputación unha solicitude e a documentación necesaria, sobre a que teñen toda a información na web www.deputacionlugo.org.

Tendo en conta as súas vantaxes, as 26 primeiras entidades pertencentes a 10 Concellos lucenses que, sen custe algún, se sumaron á iniciativa da institución provincial son:

Sara Lage y Maru Calderón (Lugo); Óptica de la Torre/Berta Rita de la Torre Nieto (Lugo); Gabino Román Barrio (Vilalba); Champivil (Vilalba); Marcelle Naturaleza (Outeiro de Rei); Jamones González (O Corgo); Caurelor (Folgoso do Courel), Dispravia/Corna de Andrade (Vilalba); O Trobo/Mel do Valadouro (O Valadouro); Delicias do Souto (Folgoso do Courel); Jesús González Martínez/Embutidos Campa (Cervantes); Ancares de meu (Cervantes); Quesería Fontela (Vilalba); Regalcerámica (Viveiro); Daveiga (Chantada); Manuel Mondelo Rodríguez/Bodegas Mondelo (Quiroga); Embutidos xamóns e salazóns Hermelino (O Valadouro); Caracacho/Peletería Lucus (Lugo); E-SCOLA (Lugo); Dulce María Barro Fernández/Mel das Miñas Colme (Vilalba); Avinfauna (Outeiro de Rei); ACISAL (Vilalba); CRISANTO (Vilalba); Eduardo Soto (Lugo); Unha de Romanos (Lugo) Terras de Lincora (Chantada).

Ditas empresas de teñen á venda 150 produtos tales como queixo San Simón da Costa, viño da Ribeira Sacra, mel, embutidos, pezas de artesanía e deseño, prendas de pel, deseños exclusivos de roupa e calzado e ata servizos de lecer ou instrumentos musicais.

Compras rápidas e sinxelas

Os usuarios poden acceder á plataforma entrando en www.losproductosdelugo.com onde se atopan co catálogo de produtos. O mecanismo para comprar é rápido e sinxelo: teñen que elixir o desexado, incorporalo á cesta da compra e tramitar o pedido, elixindo a forma de pago. O proxecto inclúe unha pasarela de pagos telemáticos, habilitada a través dunha entidade financeira (Novacaixagalicia). Tamén dispón dunha empresa loxística (Seur) para a recollida e entrega dos produtos aos compradores. O cliente, que non está obrigado a facer un pedido mínimo, recibirá o material adquirido nun mínimo de 48 horas, tendo a posibilidade de coñecer en calquera momento a situación dun pedido en curso ou consultar os realizados anteriormente. No caso de non quedar satisfeito, pode devolver calquera artigo nun prazo de 15 días hábiles dende a data de recepción.

Información sobre os produtos

Na plataforma –que hoxe se atopa en castelán e galego e nun breve período de tempo tamén estará en inglés- figura completa información sobre os produtos á venda –prezo, características e unha fotografía-, pero tamén das empresas provedoras, pois inclúese unha ficha de cada unha na que figura a súa páxina web, localización en Google Map e oferta de todos os seus produtos. Os prezos dos artigos á venda son iguais ou menores que na rúa e ofrecerase a posibilidade de obter códigos de desconto. As empresas que acadaron a marca Lugo Sabe creada pola Deputación para poñer en valor os produtos autóctonos contan cun acceso directo dentro do portal web, ó igual que a plataforma da Asociación de Mulleres Empresarias. Tamén hai un apartado específico cos produtos máis vendidos e outro de ofertas, xunto a unha sección con noticias sobre a propia plataforma e un blog.

Atención continua

A Deputación ofrece un servizo de atención ós clientes da plataforma de comercio electrónico, co número de teléfono 982.26.00.77 e a dirección de correo electrónico soporte@losproductosdelugo.com. Tamén pon a disposición das empresas adheridas un Centro de Atención ao Usuario (CAU), que as apoiará na realización das xestións de alta, modificación ou eliminación de produtos da tenda virtual. Para contactar pódese chamar ó 982.26.00.77, ou ben enviar un correo á ecomercioinnovate@deputacionlugo.org

Máis de 9 millóns de euros

En España, o 17,4% da poboación, é dicir 1 de cada 5 cidadáns, merca a través da Rede, datos que amosan a potencialidade do comercio electrónico. Segundo mantén o informe “Tendencias Online 2011” da empresa Kelkoo -un buscador de comercio electrónico presente en 10 países que permite comparar en pouco tempo as melloras ofertas de miles de tendas on line-, este ano a venta on line medrará un 19% en España, acadando unha facturación de 9.400 millones de euros. Entre 2007 e 2010, as compras mediante Internet incrementáronse en 4,4 puntos porcentuais segundo un estudo da Escuela de Administración de Empresas (EAE) -unha institución con máis de 50 anos de traxectoria que se adica á formación no ámbito empresarial-.

Colaboración cos mozos empresarios

O organismo provincial mantén unha firme aposta polo impulso dos mozos empresarios da provincia. É por iso, que o 35% dos beneficiados do Pacto Provincial polo Emprego -o programa que inserta laboralmente a 576 desempregados lucenses nas profesións con máis futuro en Lugo- son menores de 30 anos. Asimesmo, o 71% dos 711 parados contratados mediante o Lugo Emprega son menores de 45 anos.

A institución ten dende hai anos unha intensa colaboración coa “Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo” (AJE). Este colectivo conta con preto de 80 membros entre os que prevalecen os menores de 40 anos, e realiza unha función activa e dinámica como interlocutor entre os empresarios lucenses e as institucións. Por iso, conxuntamente, lograron, mediante as becas de innovación “In Lugo”, que 7 mozos acadasen traballo. Estes profesionais están a ofrecer formación especializada sobre novas tecnoloxías en empresas que forman parte de AJE.

Este colectivo é tamén un dos colaboradores máis activos do Innova Empresa, o Centro de Asesoramento Empresarial da Deputación que está a axudar a centos de mozos lucenses a poñer en marcha as súas iniciativas ou mesmo a darse de alta como autónomos. Deste xeito, a instancia deste colectivo, o Innova Empresa celebra xornadas formativas gratuítas demandadas polos emprendedores lucenses. É o caso da ofrecida sobre as subvencións e préstamos que concede o Ministerio de Industria mediante o Plan Avanza.

Precisamente, Gómez Besteiro entregou os diplomas ós 20 empresarios lucenses menores de 35 anos que, durante 7 semanas, participaron nun curso sobre a preparación dun Plan de Axuste Empresarial, organizado pola Asociación de Empresarios de Lugo e a Federación Galega de Xóvenes Empresarios (FEGAXE) co obxectivo de mellora a competitividade das pequenas e medianas entidades da provincia.