Deputación de Lugo

300 persoas estrean os xardíns da Deputación na súa apertura como espazo público

O Presidente e o Alcalde de Lugo inauguran o novo espazo que dende hoxe recupera a cidadanía e que foi rehabilitado conxuntamente polas dúas administracións co Plan Urban Gómez Besteiro subliña que “recuperamos como espazo público o que era de uso exclusivo, continuando coa apertura da Deputación á cidade e á provincia”Grazas á colaboración gratuíta de varios colectivos e empresas, as degustacións de produtos autóctonos e demostracións de oficios tradicionais das comarcas da Mariña, Terra Chá-Ulloa, Ribeira Sacra, Montaña e Lugo centro, representaron simbolicamente a apertura oficial dos xardíns a toda a provincia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, inauguraron este martes os xardíns provinciais que foron acondicionados conxuntamente co Plan Urban, o programa europeo que impulsan ambas as dúas administracións e que inclúe ambiciosas actuacións como a reactivación do casco histórico ou a peonalización da praza de San Marcos. Gómez Besteiro subliñou que “recuperamos como espazo público o que era de uso exclusivo, continuando coa apertura da Deputación á cidade e á provincia. Desde hai catro anos os veciños converteron nun xesto habitual o cruzar a porta da Deputación, ata ese momento a grande descoñecida. Dende hoxe, abrímola tamén a un dos monumentos máis importantes da provincia: a Muralla de Lugo, facendo máis visible esta institución que está ó servizo de todos e contribuindo a ampliar o Paseo Interior”. Pola súa banda, o Alcalde confirmou que se completará dito Paseo, “un proxecto que se iniciou sendo o Presidente Concelleiro”.

A partir de hoxe a cidadanía ten a súa disposición esta nova zona de estancia ata o de agora pechada ó público e que permite dar continuidade ó Paseo Interior da Muralla, logo da recuperación e adecuación dos calexóns que conectan desde a rúa do Teatro ata a Praza do Ferrol. A zona rehabilitada ocupa unha superficie de 8.000 metros cadrados e ten wifi gratuito grazas ó programa Innova-TE de administración electrónica de Deputación. Nela inclúe un paseo pavimentado en pedra de máis de 100 metros que permite que a parte posterior do Pazo tamén sexa transitable, así como zonas verdes e mobiliario urbano que humanizan o espazo, facendo máis agradable a estancia dos usuarios. Os xardíns permanecerán pechados unicamente pola noite, das 24:00 ás 7:00 horas.

Ademais do Presidente e do Alcalde da capital, unhas 300 persoas estrearon a nova zona, entre as que se atopaba unha ampla representación de autoridades provinciais e locais, de asociacións culturais e veciñais de toda a provincia, de representantes da Universidade e dos centros educativos.
Abertos a toda a provincia
Tendo en conta o simbolismo que ten a apertura dos xardíns para Lugo, a Deputación quixo que no acto inaugural estivesen representadas todas as zonas da provincia. Deste xeito, Gómez Besteiro e o Alcalde, acompañados do público presente, percorreron cada un dos recunchos dos xardíns nos que se homenaxeaba a cada comarca. A colaboración gratuíta de asociacións e empresas fixo posible degustacións de produtos autóctonos e demostracións de oficios tradicionais:

- Zona Terra Chá e Ulloa: estivo formada por unha exposición de produtos autóctonos destas dúas comarcas como embutidos, queixos e meles, e pola música dos catro gaiteiros pertencentes ó grupo “A Rincadeira” de Vilalba.
- Lugo centro: representado por varias artesás do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Fixeron demostracións das técnicas de cestaría que imparte o CENTRAD ó longo do ano. 12 integrantes do grupo “Cantareiras de Andrade” foron as encargadas da actuación musical.
- A Mariña: redeiras de Burela e veciñas naturais de Cabo Verde afincadas no municipio da costa homenaxearon á zona norte da provincia.
- A Montaña: unha exhibición do manexo do tear a cargo dunha veciña de Triacastela e violinistas do grupo “Sahsa” representaron a esta zona.
- Ribeira Sacra: a cata de viño de Denominación de Orixe do sur da provincia, acompañada dunha degustación de queixo, culminou o paseo no que o Presidente da Deputación reinvindicou a Declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, outro dos obxectivos do goberno provincial para este mandato.

A historia dos xardíns
Gomez Besteiro lembrou que, dende a creación da Deputación en 1835, a parte posterior do edificio adicouse a varios fins ó longo da historia. En maio de 1876, a proposta dos ex deputados Castro Freire e Losada, decidiuse empregar como zona verde de plantado de diferentes especies vexetais, como árbores e patacas, servindo de modelo de produción agrícola para os agricultores lucenses. Deste xeito, é posible que algunhas das especies arbóreas que hoxe existen daten daquela época, contando con preto de 200 anos de existencia.

Pero a orixe dos xardíns non se produce ata case 55 anos máis tarde. Foi en maio de 1931 cando se autoriza ó arquitecto provincial a que procedese á tala dalgunhas árbores existentes na parte alta, comprendida entre as dúas naves laterais dereita e central, trazándose en dito lugar xardíns baixos e xeométricos. Esta actuación, que supuxo un investimento de 500 das antigas pesetas, é a que deu lugar á recuperación como espazo público.