Deputación de Lugo

Lucenses maiores de 50 anos poden solicitar prazas subvencionadas nos 4 balnearios da provincia

A Deputación abriu o prazo de inscrición de “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago”, o programa que ofrece, dende agosto e ata decembro, descontos de 34 euros por persona nos balnearios de Lugo, Guitiriz, Palas de Rei e Pantón, así como nas casas rurais colindantesOs interesados nunha das 1.750 prazas existentes poden formular a súa solicitude chamando ó teléfono habilitado pola institución provincial: 982-260-075 A iniciativa busca mellorar a calidade de vida dos maiores, impulsar o sector termal que xera un volume de negocio anual de 7 millóns de euros e máis de 200 postos de emprego directos na provincia, así como seguir potenciando os Camiños lucenses logo do Xacobeo

A Deputación abriu o prazo de inscrición para “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago”, o programa que, tal e como indica o seu nome, combina saúde, benestar e turismo co fin de reactivar a economía da provincia, impulsando os servizos hostaleiros situados nas rutas Xacobeas de Lugo e reivindicando que hai vida máis alá do Ano Santo. A iniciativa está dirixida a lucenses maiores de 50 anos, ós que lles facilita o acceso ós tratamentos termais da provincia, como unha alternativa de saúde que mellore a súa calidade de vida. O organismo provincial subvenciona, dende agosto e ata decembro, 1.750 prazas nos 4 balnearios lucenses situados en Pantón, Palas de Rei, Guitiriz e na capital lucense, así como nas 50 casas rurais máis próximas a estes establecementos, é dicir, as afincadas na Ulloa, Terras do Miño e Ribeira Sacra. Todos os interesados poden solicitar unha das prazas chamando ó número de telefono habilitado pola institución provincial: 982-260-075

As prazas do programa distribúense en función das posibilidades expostas por cada centro, quedando da seguinte maneira: Balneario de Lugo Termas Romanas, 50 prazas; Balneario Oca Río Pambre, 104 prazas; Guitiriz Hotel Balneario & Golf Club, 450 prazas; Oca Augas Santa Balneario Golf Resort, 800 prazas; Casas de Turismo Rural na Ulloa, Terras do Miño e Ribeira Sacra, 346 prazas.

Os descontos de “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago” son de 34 euros por persoa, aplicables dende agosto e ata decembro nos paquetes acordados cos establecementos:

- 6 días con 5 noites de estancia
- 5 pensións completas con comidas e ceas incluídas
- día de entrada domingo: cea e aloxamento
- día de saída venres: almorzo e xantar
- 2 técnicas de balneario durante 4 días
- 1 recoñecemento médico
- programa de animación sociocultural de luns a xoves, ambos os dous días incluídos.

Vida despois do Xacobeo
Esta programación xurde logo da celebración do Congreso de Turismo “Destino Lugo” no que prestixiosos expertos a nivel internacional e nacional avaliaron a situación deste sector na provincia e definiron alternativas de futuro, tendo en conta que o sector turístico representa o 40% da riqueza do país e que Lugo foi a provincia galega que, cun 16,19%, experimentou o maior incremento no número de visitantes durante 2010. (Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, esta porcentaxe foi do 14,45% na Coruña, 9,80% en Pontevedra, e 3,60% en Ourense). É por iso, que unha das principias conclusións do Congreso foi que hai vida despois do Xacobeo polo que cómpre impulsar alternativas para continuar coa posta en valor dos 800 quilómetros de rutas de peregrinación lucenses e así seguir reactivando a economía da provincia.

Lugo conta con 4 balnearios situados a pé dos Camiños Primitivo, Norte, Francés e de Inverno que, segundo datos dos propios establecementos, reciben ó ano 120.000 persoas, xerando un volume de negocio de 7 millóns de euros. As mesmas fontes indican, que estas instalacións xeran máis de 200 postos de emprego directos na provincia. Na tempada alta, que transcorre dende marzo a setembro, esta cifra ascende ós 300. A maiores, ó situarse en zonas rurais, os balnearios contribúen ó asentamento poboacional. Deste xeito, con esta iniciativa, que conta cun presuposto de 60.000 euros, a Deputación contribúe a manter centos de traballos na provincia, facendo fronte ó despoboamento demográfico.