Deputación de Lugo

A Deputación arranca a aposta por converter a Capela nun espazo cultural referente en España con Soliloquios

É a obra nunca vista de Sergio Vega, fotógrafo de gran prestixio en España e noutros puntos de Europa que foi premiado coa “Mellor Foto do Mundo” ou co “Goya de fotografía”Co fin de impulsar ó exterior os artistas da provincia e facer rendible o sector, a sala de exposicións acollerá a continuación a obra de deseño gráfico da lucense Laura Pernás A Deputada destaca que medio millar de persoas cubriron a cota de prazas dos 62 obradoiros para 2011 celebrados ata o momento, mentres que outras 80 enchen xa as localidades dos de outono, quedando as derradeiras en www.centrad.org

A Deputada provincial, Pilar García, presentou este martes a nova exposición que organiza o CENTRAD, entidade dependente da institución provincial da que Regina Polín é agora a súa nova responsable. García Porto actuou neste caso como vicevoceira xa que a actual dirixente do Centro de Artesanía e Deseño non puido acudir ó acto por motivos de saúde. Trátase de Soliloquios, a obra que acollerá a Capela de Santa María dende este vindeiro xoves ata o 16 de outubro. A Deputada salientou que “con esta mostra arrincamos a aposta por converter esta sala de exposicións nun espazo cultural referente en España, cumprindo un dobre obxectivo: impulsar ó exterior os artistas lucenses, facendo rendible este sector; e traer á provincia prestixiosos traballos, logrando que estas instalacións sexan un punto clave no mapa cultural do país, no que os seus visitantes teñan a oportunidade de ver en Lugo obras de auténtica calidade no ámbito estatal”.

Deste xeito, Soliloquios recolle a obra nunca vista ata o momento de Sergio Vega, recoñecido fotógrafo que durante anos ocupou a presidencia da Federación Española de Fotografía e Imaxe e cuxos traballos obtiveron prestixiosos galardóns como “Mellor foto do Mundo, Barcelona 2002”, “Goya de fotografía profesional 2005”, “Premio Comunidade Valenciana 2006” ou o “Lucus Augusti 2008”.

O seu prestixio profesional fixo que este asturiano nado en Mieres fose reclamado para impartir conferencias e cursos por toda España e por diferentes puntos de Europa: Rimini (Italia), Burdeos (Francia), Jaén, León, Palencia, Alicante, Bilbao, Madrid, Valencia, Granada, A Coruña, Pontevedra ou Lugo. Precisamente, a Asociación de Fotógrafos lucense contou en varias ocasións con cursos formativos impartidos por Sergio Vega, sendo este mesmo colectivo quen propuxo á Deputación traer a Lugo a súa obra. É que este profesional conta coa admiración do seu propio sector, feito que o converteu en xuíz cualificador da Federación Española de Fotografía e parte do xurado de numerosos concursos de fotografía que se celebran na actualidade por toda a xeografía española.

En primicia en Lugo

A Capela de Santa María presenta en primicia 16 fotografías nunca expostas ó publico . Tal e como versa o nome da colección, Soliloquios, son imaxes realizadas en momento de soedade do artista, en viaxes a Xixón, Francia e Italia e nas que plasma o paso do tempo mediante fotos todas elas en movemento. Os seus títulos son os seguintes: “Marce cruzando un paso de cebra”; “Paseo en día de lluvia”; “Saliendo de misa en día tarde de lluvia”; “Paseo por la playa de Gijón”; “Juego de luces con paseante al fondo”; “El filósofo pasea en soledad”; “Cruce de sombras”; “Ante la puerta cerrada”; “Pareja caminando de la mano”; “Buscando a Dios”; “Caminante en Londres”; “Sombra en el museo”; “Pareja con bicicleta”; “Pareja admirando a Pollock”; “Con la bolsa de la compra” e “Pasadizo en Amalfi”.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará Soliloquios o vindeiro xoves, ás 20:15 horas, na Capela de Santa María. A partir de entón, a mostra estará aberta ó publico no seguinte horario: de luns a vernes de 10:30 ás 14:00 horas e de 17:00 ás 20:00 horas, sábado de 17:00 ás 20:00 horas e domingo de 11:00 ás 14:00 horas.

Impulso ós artistas lucenses

Pilar García adiantou que a seguinte mostra que recibirá a Capela de Santa María dará cumprimento o obxectivo de impulsar ó exterior ós artistas de Lugo, dando a coñecer os seus traballos e buscando a máxima rendibilidade deste sector na provincia. E é que a Capela de Santa María acollerá dende o 20 de outubro ó 27 de novembro o último traballo de Laura Pernás. Trátase de Un bosque en mi Memoria, unha innovadora obra de debuxo gráfico, baseada en contos infantís clásicos, co que esta lucense, cuxo traballo xa obtivo recoñecemento a nivel nacional, se presenta na provincia.

Cursos outono

A Deputada destacou ademais, o éxito dos obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño para 2011, apuntando que 454 persoas cubriron a cota de prazas dispoñibles dos 62 cursos celebrados ata o momento e que, días despois de abrir o prazo de inscrición das 12 últimas xornadas formativas para este ano, xa están cubertas practicamente o 100%. Deste xeito, das 84 localidades totais que oferta a programación de outono, só quedan 4 para o curso de “Técnicas decorativas e de cor en coiro” que Vidal Revilla impartirá a profesionais do sector no taller que dito artesán posúe no Concello de Cervo. Para facer cunha delas só é preciso entrar no apartado de formación da web www.centrad.org.

Están cubertos por tanto, os 3 obradoiros de cestería, 2 de xoiería, 1 de coiro, 2 de artes do libro, 1 vidro, 1 madeira e outro de tapicería, que terán lugar, dende o 15 de outubro ata finais de novembro, nas instalacións da rúa Chantada da capital e no Centro de Cestería do Río Rato.