Deputación de Lugo

Os parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro e Vilalba incrementan a súa actividade, acadando 108 intervencións

Segundo o último informe de actuación, en xuño contabilizáronse 25 actuacións, en xullo 30 e en agosto 33, atendendo as emerxencias da totalidade da zona norte da provincia O complexo de Vilalba rexistrou en agosto o maior número de incidentes con 17 intervencións, na súa maioría incendios, seguido de Barreiros con 9 e Viveiro con 7Besteiro marcou como novo reto acadar a cobertura contraincendios no 100% da provincia logo de lograr o 90% no primeiro mandato coa posta en marcha de 5 parques de bombeiros

Os parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro e Vilalba, incrementan mes a mes a súa actividade, sumando 108 intervencións dende a súa posta en marcha o 1 de maio. Os 66 profesionais destes complexos recén contratados para prestar servizo contraincendios na totalidade da zona norte da provincia, actuaron nun total de 25 municipios lucenses.

Segundo ó último informe de actuación, xuño rexistrou 25 intervencións, xullo 30 e agosto 33. O pasado mes, os bombeiros sofocaron 20 incendios (forestais, vivendas, naves, vehículos ou material urbano), efectuaron 7 excarcelacións, 2 rescates de persoas e atenderon 2 fugas de auga e gas, ademais de realizar outras 2 tarefas de prevención tales como limpeza de estradas.

Os Concellos nos que actuaron en agosto foron 17: Foz, Burela, Mondoñedo, Ribadeo, Alfoz, Trabada, Viveiro, Cervo, Vilalba, Muras, Abadín, A Pastoriza, Cospeito, Guitiriz, Begonte, Rábade e Outeiro de Rei.

Actividade por complexo

A actividade por complexo durante o mes de agosto foi a seguinte:

- Barreiros rexistrou 9 intervencións: 6 incendios en Ribadeo, Alfoz, Foz (2) e Mondoñedo (2); 1 excarcelación en Trabada; 1 rescate en Ribadeo; 1 fuga de gas en Burela.
- Viveiro, 7 intervencións: 4 incendios no municipio viveirense, 1 excarcelación, 1 fuga de gas e 1 actuacións de prevención en Cervo.
- Vilalba, 17 intervencións: 10 incendios en Muras, Cospeito, Outeiro de Rei, Begonte, Vilalba (3), Guitiriz (2) e Rábade; 5 excarcelacións en Vilalba, Abadín, Guitiriz e Outeiro de Rei (2); 1 rescate de persoas en A Pastoriza e 1 actuación de prevención en Vilalba.

Novo reto

A creación do Consorcio provincial de bombeiros que a actual Deputación e o anterior Goberno galego impulsaron en 2008, supuxo a posta en marcha destas instalacións que, xunto ás de Sarria e Chantada, dan cobertura ó 90% da provincia lucense. Deste xeito, durante o primeiro mandato, o equipo de goberno provincial logrou rematar coa discriminación que durante décadas sufría Lugo en materia de prevención, deixando de ser a única provincia galega que aínda non contaba con servizo contraincendios. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, marcouse como reto do novo mandato acadar a cobertura no 100% da provincia mediante o co-financiamento da Xunta.