Deputación de Lugo

A Deputación ofrece as últimas prazas subvencionadas nos balnearios de Guitiriz, Pantón e Palas de Rei

Imaxe deputación de lugo
Quedan 650 localidades dispoñibles para os meses de novembro e decembro. A inscrición marcha a bo ritmo, polo que os interesados deben anotarse canto antes chamando ó número de teléfono 982-260-075A institución provincial facilita descontos de 40 euros por persoa co programa “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago”, que contribúe a impulsar a economía e fixar poboación ó respaldar un sector que factura 7 millóns ó ano e dá emprego directo a máis de 200 persoasNo conxunto de Galicia, o sector termal representa o 20% de toda España. Os establecementos da comunidade xeran 1.700 postos de traballo directos, reciben 150.000 persoas ó ano e acadan un volume de negocio anual de 126 millóns de euros

A Deputación de Lugo ofrece as últimas prazas que subvenciona nos balnearios de Guitiriz, Pantón e Palas de Rei a través do programa “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago”. Trala apertura do período de inscrición en agosto, a día de hoxe quedan 650 prazas para os meses de novembro e decembro. A recepción de solicitudes marcha a bo ritmo, pois en pouco máis dun mes reserváronse a metade das 1.350 localidades que se puxeron a disposición nos tres establecementos hostaleiros: Balneario Oca Río Pambre, Guitiriz Hotel Balneario & Golf Club e Oca Augas Santas Balneario Golf Resort. Deste xeito, os interesados en gozar desta iniciativa deben anotarse canto antes chamando ó teléfono 982-260-075.

Coa posta en marcha do programa, a Deputación combina saúde, benestar e turismo, facilitando tratamentos termais como unha alternativa de saúde que mellora a calidade de vida e contribuíndo á reactivación da economía lucense e a fixar poboación. Os balnearios nos que se ofertan as prazas están situados o pé do Camiño de Santiago, polo que o proxecto tamén promociona a ruta xacobea, reivindicando que hai vida máis alá do Ano Santo.

Un sector cun peso económico crecente

O sector termal é un negocio turístico que conta cada vez cun maior peso na economía de Lugo e Galicia. Na provincia funcionan 4 balnearios situados ó pé dos Camiños Primitivo, Norte, Francés e de Inverno, que, segundo os datos dos propios establecementos, reciben ó ano 120.000 persoas, xerando un volume de negocio de 7 millóns de euros. Os centros dan emprego directo a máis de 200 persoas, unha cifra que durante a tempada alta –entre os meses de marzo e setembro- alcanza as 300 persoas. Ademais, ó situarse en zonas rurais, os balnearios contribúen ó asentamento poboacional. Deste xeito, con esta iniciativa, que conta cun presuposto de 60.000 euros, a Deputación contribúe a manter centos de postos de traballo na provincia, facendo fronte ó despoboamento demográfico.

No conxunto de Galicia, o sector termal representa un 20% dos balnearios e centros de talasoterapia existentes en España, contando con 21 balnearios e 5 centros de talasoterapia, que supoñen máis de 2.700 prazas hoteleiras, que dan emprego directo a 1.700 persoas na comunidade galega. Preto de 150.000 persoas gozan cada ano do termalismo en Galicia, o que leva consigo unha facturación anual de 126 millóns de euros.

Desconto de 40 euros por persoa

O programa “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago” da Deputación está dirixido a tódolos lucenses maiores de 50 anos e ofrece descontos de 40 euros nos seguintes paquetes acordados cos balnearios:

6 días con 5 noites de estancia
5 pensións completas con comidas e ceas incluídas
día de entrada domingo: cea e aloxamento
día de saída venres: almorzo e xantar
2 técnicas de balneario durante 4 días
1 recoñecemento médico
programa de animación sociocultural de luns a xoves, ámbolos dous días incluídos

Xunto ás 1.350 prazas ofertadas nos establecementos termais de Guitiriz, Pantón e Palas, o programa incluíu a maiores 50 localidades no Balneario de Lugo Termas Romanas, esgotadas durante o mes de agosto.