Deputación de Lugo

Máis de 500 persoas participaron nos 74 obradoiros que desenvolveu o Centro de Artesanía e Deseño este ano

Para atender á crecente demanda destes talleres, a Deputación incrementou nun 10% a programación con respecto ó 2010O CENTRAD estase a converter nun referente en formación no sector artesán, como demostra que máis de 1.200 persoas presentaran unha solicitude para participar nas accións formativas desta tempada

Máis de 500 persoas participaron na programación do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación para o ano 2011. Foron 74 actividades formativas, que sumaron máis de 4.100 horas de formación efectiva e que supuxeron un incremento dun 10% en oferta formativa con respecto ó ano pasado. Esta programación rematou o pasado venres, coa derradeira xornada do curso “Os murais e o torno”, impartido polo artesán ferrolán Francisco Pérez Porto, que dende o pasado 19 de setembro reuniu nos pavillóns do CENTRAD a 10 alumnos que aprenderon diferentes técnicas de representación gráfica, de amasado e modelado e de procesos de cocción de obxectos de cerámica.

Nos 74 obradoiros que se celebraron ó longo deste ano houbo ofertas da máis variada índole: 25 obradoiros de cestaría, 12 de xoiería, 7 de téxtil, 6 de cerámica, 5 de coiro, 7 de artes do libro, 2 de madeira, 3 de vidro; e como novidades, 2 obradoiros de fotografía, 2 de pedra, 1 de tapizaría e 2 de deseño, nos que se impartiron técnicas de presentación e empaquetado de produtos. Hai que destacar a calidade dos formadores: recoñecidos profesionais procedentes de Galicia, maioritariamente lucenses, Cataluña, Madrid e Alemaña foron os encargados de compartir cos participantes os seus coñecementos.

En total ofertáronse 570 prazas, un 5% máis que o ano pasado, para as que se recibiron máis de 1.200 solicitudes. Foi especialmente destacada a demanda dos cursos de cestaría, xoiería e os de fotografía. A esta demanda contribuíu o feito de que, por primeira vez, e grazas ó Innova-TE, o programa tecnolóxico da Deputación que logrará a implantación da Administración Electrónica na provincia en menos dun ano, os interesados puideron facer a súa inscrición mediante Internet, a través da páxina web do Centro.

Outra das razóns que explican este éxito é que o CENTRAD desprazou parte das súas accións formativas a diferentes puntos da provincia. Entre os meses de marzo e xuño tivo lugar unha acción formativa de olería nas instalacións dun obradoiro da localidade de Bonxe. Tamén o Concello de Cervo foi o escenario de dous cursos, dirixidos a profesionais, de técnicas de cosido manual e de técnicas decorativas de de cor aplicadas a este material. Non foron estes os únicos obradoiros dirixidos a profesionais: 7 accións formativas solicitadas por máis de 60 solicitudes dan boa mostra da aceptación que entre os artesáns teñen as accións formativas organizadas pola Deputación.