Deputación de Lugo

A Deputación apoia ós novos talentos artísticos da provincia expoñendo na Capela de Santa María a obra de Laura Pernás

Regina Polín presentou xunto coa creadora lucense a mostra de arte multimedia La Metamorfosis Esperada, que se inaugura este xoves, ás 20:15 horas, e poderá visitarse ata o día 8 de xaneiro A nova exposición organizada polo CENTRAD está composta por 45 traballos de ilustración dixital e animación inspirados na infancia da autora

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou este martes La Metamorfosis Esperada, a nova exposición que o CENTRAD organizou na Capela de Santa María, obra da artista multimedia lucense Laura Pernás. Con esta mostra, “a Deputación apoia os novos talentos artísticos da provincia favorecendo a súa proxección tanto dentro como fóra de Lugo, pois a Capela de Santa María tense convertido nun espazo de referencia no circuíto cultural do noso país”, destacou Regina Polín na presentación, durante a que estivo acompañada pola autora. O Centro de Artesanía e Deseño abrirá este xoves, ás 20:15 horas, a exposición, que está composta por 45 traballos de ilustración dixital e animación inspirados na infancia da creadora e poderá visitarse hasta o 8 de xaneiro.

Regina Polín salientou que “tras o éxito da exposición de traballos Soliloquios de Sergio Vega, que foi visitada por máis de 600 persoas, estamos seguros de que de novo serán centos de visitantes os que neste caso se acheguen ata o entorno privilexiado da Capela de Santa María para coñecer a obra de Laura Pernás”. “Con mostras coma esta queremos apostar polos novos valores da nosa provincia para que poidan promocionarse cara o exterior”, asegurou a Deputada, ademais de recalcar a importancia que a Capela de Santa María adquiriu como espazo de exposición grazas, entre outras, ás mostras do vestiario da película “Ágora” ou a de “Leonardo da Vinci e a música”, que antes de recalar en Lugo estiveron no Museo do Traxe de Madrid ou en prestixiosas salas de Italia, Francia ou Xapón, respectivamente. “Con iniciativas coma estas estamos a conseguir ademais que o sector aumente días tras día a súa rendibilidade”, engadiu.

Unha promesa da arte multimedia

Laura Pernás, nada en Lugo no ano 1979, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e máster en Creación e Comunicación Dixital pola Universidade da Coruña, é unha das promesas do panorama artístico galego na rama multimedia. Nominada no 2005 ós Premios “Mestre Mateo”, na categoría de mellor curtametraxe de animación, e ó I Concurso “Ráfagas” do programa televisivo Miradas 2 de La2, non é a primeira vez que expón de xeito individual, pois no ano 2006 unha galería de arte lucense acolleu a súa obra El silencio de las últimas ramas, mostra que tamén levou a Pontevedra.

Esta creadora do dixital formou parte de diversas exposicións colectivas, como A Pel dos Sentidos e Proxecto Abertal, que no ano 2008 acolleu o Museo Provincial de Lugo, ou a mostra Falsas apariencias. Miradas fragmentadas sobre la infancia, no Centro Torrente Ballester, de Ferrol. No seu currículo hai que destacar, así mesmo, a súa participación na sesión de vídeos comisariada por Ferrán el Otro ou a presenza na Colecció d’art contemporani “La otra”, de Barcelona.

Unha ollada máis optimista

As súas creacións, nacen, segundo a propia artista, dun intento por reconstruír unha infancia marcada pola perda da súa nai, creando lembranzas a partires da fusión da súa propia historia persoal e dos contos populares infantís. Este mundo tan persoal materialízase a través das ilustracións e da animación en La metamorfosis esperada, que supón un cambio de actitude, cunha ollada ó mundo moito máis optimista e esperanzada, de aí o símbolo da bolboreta. Este cambio de mentalidade reflíctese ademais nun cambio nas técnicas empregadas. Malia que a artista desenvolve a súa labor profesional no mundo do deseño gráfico, é a primeira vez que emprega a ilustración por ordenador para expresarse artisticamente.

Pernás pretende amosar os eixes ó redor dos que xira o seu universo creativo a través de 40 ilustracións dixitais; unha instalación formada por obxectos de feltro e vinilo para a ábsida da Capela; un vídeo de animación musicado especialmente como banda sonora da exposición polo músico José Lemur, e tres pezas máis que recrea a personaxe que aparece nas ilustracións en forma de clásicas bonecas de trapo,

Horarios da exposición

A mostra presentada hoxe abrirá as súas portas este xoves, ás 20:15 horas. Ata o 8 de xaneiro de 2012, todo o que desexe achegarse ata a Capela poderá contemplar as obras no seguinte horario: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas, e domingos, de 11:00 a 14:00 horas.