Deputación de Lugo

A Deputación pon en valor a produción de setas na provincia impulsando as III Xornadas de Micogastronomía

A Vicepresidenta Segunda e o presidente da entidade organizadora, a Sociedade Micolóxica Lucus, presentaron no Pazo de San Marcos o evento, que terán lugar esta fin de semana no Pazo de Feiras e Congresos e contará cuns 200 participantesO pasado ano comercializáronse na provincia máis de 350 toneladas de cogomelos, o que pon de manifesto o peso económico desta actividade, que conta ademais con numerosos afeccionados Bolseiros e técnicos da Fundación TIC gravarán as conferencias e sesións prácticas para realizar un vídeo divulgativo do encontro, ademais de prestar apoio técnico para facilitar o seguimento por parte do público

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso, presentaron esta mañá as III Xornadas sobre Micogastronomía de Lugo, que se celebrarán este venres, día 11, e o sábado, día 12, no Pazo de Feiras e Congresos da capital lucense e contará cuns 200 participantes. Ó acto, que tivo lugar no Pazo de San Marcos, asistiron tamén o director do CETAL, Eduardo Vidal Baamonde, e o presidente da Asociación Provincial de Hostalería de Lugo, Cheché Real. A Deputación apoia economicamente a través do INLUDES a actividade da Sociedade Micolóxica Lucus coa finalidade de poñer en valor a produción de setas na provincia e difundir a súa importancia ambiental, económica e culinaria. Lara Méndez destacou que a suma de esforzos “entre entidades públicas e privadas” serviu para poñer en marcha estas xornadas “xa consolidadas e de gran importancia, non só para a provincia, senón para toda Galicia, coas que buscamos enriquecer a nosa gastronomía e dinamizalo sector hostaleiro e o turismo”.

Pola súa banda, o director do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL), recalcou a aposta deste organismo “polo aproveitamento da micoloxía” con iniciativas como o proxecto AMIGA (Aproveitamentos Micolóxicos de Galicia), “que está na primeira fase e cuxas primeiras conclusións presentaremos en xaneiro”. Trátase dunha iniciativa promovida polo CETAL en colaboración coa USC que estuda a viabilidade de impulsar unha marca ou certificado de calidade paras as setas da comunidade autónoma.

O presidente da Asociación Provincial de Hostalería de Lugo lembrou que o Concello de Lugo “foi o primeiro en poñer en valor os cogomelos coa organización das primeiras xornadas deste tipo na provincia. Tras elas, este produto ten máis forza na hostalería”. Cheché Real tamén asegurou que os cogomelos teñen unha gran demanda e fixo unha chamada á prudencia á hora de recoller este froito, ideas nas que tamén incidiu o presidente da Sociedade Micolóxica Lucus. De feito, en tódalas edicións das xornadas que organiza o colectivo hai un apartado dedicado ás especies tóxicas, indicou Julián Alonso, quen agradeceu o apoio da Deputación e as demais entidades colaboradoras.
A colaboración do organismo provincial con esta entidade enmárcase na súa decidida aposta por difundir e mellorar a comercialización dos produtos e cultivos autóctonos como unha vía para favorecer o desenvolvemento económico da provincia e fixar poboación. Así mesmo, a Deputación respalda deste xeito unha actividade que conta cunha longa tradición en Lugo e que nos últimos anos está acadando un considerable peso económico. Mostra delo é que o pasado ano se comercializaron na provincia máis de 350 toneladas de setas. A recollida e degustación destes froitos ten ademais numeroso afeccionados e suscita un importante interese social, como revela que na provincia existan unha ducia de colectivos de micoloxía.

O colectivo micolóxico con máis socios de Galicia

A Sociedade Micolóxica Lucus é o colectivo desta índole que aglutina a un maior número de socios de entre todos os existentes en Galicia. Na actualidade conta 212 asociados, tanto de toda a provincia, como da Coruña e Ourense, e desenvolve un intenso programa de actividades ó longo do ano, no que figuran dende conferencias a rutas e excursións, ou sesións divulgativas para a identificación e recollida de cogomelos.

Setas á venda por Internet grazas á Deputación

Unha das iniciativas que a Deputación puxo en marcha co fin de abrir novas canles de comercialización ós produtos autóctonos foi a plataforma de comercio electrónico losproductosdelugo.com, á que xa están adheridas medio cento de empresas lucenses. Precisamente, entre elas atópase unha dedicada ó envasado e venda de setas, Champivil, unha firma vilalbesa cunha década de traxectoria que ademais conta coa marca de calidade Lugo Sabe, creada tamén polo organismo provincial co mesmo obxectivo de poñer en valor os produtos e cultivos locais.

A plataforma de comercio electrónico losproductosdelugo.com, creada a través do programa europeo Innova-TE, conta cun apartado específico e destacado para as empresas que teñen o distintivo Lugo Sabe e que a día de hoxe son 35. O centro comercial virtual, o primeiro que se pon en marcha na provincia, aumenta as posibilidades de incrementar o volume de beneficios das firmas ó abrirlles novos mercados e facilitar as vendas, pois os clientes poden comprar as 24 horas do día, os 365 días do ano. Este portal non ten límite de empresas, nin de oferta de produtos.

En canto á marca Lugo Sabe, os produtos están á venda en tendas da cadea de supermercados Cemar, en Cafestore e La Palloza Gallega. A iniciativa tivo tan boa acollida que xa hai moitas firmas interesadas en recibir tamén este distintivo, polo que a Deputación prevé ampliar o proxecto coa segunda fase do programa Lugo2, para a que a Unión Europea lle concedeu un total de 6,5 millóns de euros.

Vídeo divulgativo e apoio técnico da TIC

Ademais da colaboración económica que presta o INLUDES, a Fundación TIC, que depende da Deputación, colaborará tamén coas xornadas da Sociedade Micolóxica Lucus. Deste xeito, bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS) de Lugo, co apoio de técnicos da TIC, gravarán as sesións do encontro, nas que intervirán profesionais da cociña e expertos no mundo das setas, co fin de realizar un vídeo divulgativo. Ademais, o equipo prestará apoio técnico durante a celebración das conferencias, no Pazo de Feiras e Congresos, onde instalarán varias cámaras, unha pantalla de proxección e un sistema de microfonía e amplificación, entre outro material necesario para facilitar o seguimento das charlas e sesións prácticas por parte dos asistentes.

A colaboración enmárcase no convenio asinado entre a Fundación TIC e a Sociedade Micolóxica Lucus co fin de promover a labor da entidade, ó tempo que se ofrece formación práctica real ós alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo, o único centro da provincia no que se imparten ensinanzas da familia do audiovisual. Con esta iniciativa, cúmprese a máxima prioridade da TIC: abrir novas oportunidades cara o mercado laboral dos estudantes e titulados da EIS.

Expertos conferenciantes

As Xornadas sobre Micogastronomía que arrancan este venres no Pazo de Feiras e Congresos están abertas ó público en xeral, especialmente ós profesionais do sector da restauración e afeccionados á micoloxía e gastronomía. En canto os relatores, trátase de expertos con ampla experiencia e coñecementos en ambas as dúas materias, como Jesús Blanco Rey, asesor técnico de empresas de hostalería; José Luis Tomé, da Asociación Micolóxica Brincabois, de Pontevedra; Conchi Zúñiga, creadora do blog Cocinandosetas; Carlos Fernández, cociñeiro do Restaurante España de Lugo; e Julián Alonso Díaz, presidente da Sociedade Micolóxica Lucus. Precisamente, este último será o encargado de pronunciar a primeira das conferencias, co título Os mellores cogomelos comestibles e as súas confusións tóxicas, tras o acto de inauguración, que está previsto para as 20.00 horas do venres. A terceira edición destas xornadas pretende continuar o traballo das anteriores edicións, ensinando dun xeito práctico as técnicas e múltiples opcións que presentan os cogomelos na cociña, sen esquecer a importancia de sensibilizar no respecto e sostibilidade deste recurso natural dos nosos bosques.