Deputación de Lugo

O programa Km0 pon en valor a riqueza natural da provincia lucense grazas ó turismo 'verde'

A Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín, recibiu este mércores a 72 participantes nas rutas de Km0, que visitaron os Concellos de Lugo, Monforte de Lemos, Cervantes e Ribadeo.A iniciativa Km0 continúa dando a coñecer o patrimonio medioambiental lucense, co que se confirma coma un destacado factor de dinamización da economía provincial.

A Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín Rodríguez, recibiu este mércores ós dous colectivos que escolleron dita xornada para percorrer distintos recunchos da provincia e gozar coa riqueza arquitectónica e natural da nosa provincia. Dese xeito, o programa KM0 continúa acadando, semana tras semana, o seu obxectivo de poñer en valor os potenciais turísticos dos Concellos lucenses como factores de dinamización social e económica, ó tempo que contribúe á súa conservación.

Os 24 membros da Asociación de Formación Permanente para Adultos (ATEGAL), de Lugo, decidíronse pola ruta chamada de Vilasouto, que os levou a admirar a insua de Burneiros, unha das numerosas que ofrece este tramo do Miño e que presenta un elevado valor natural e paisaxístico, e a Casa Grande da Fervenza, importante conxunto etnográfico que amosa a intensa relación do home coa auga nesta zona. Tras esta visita ós límites entre o Concello lugués e o do Corgo partiron xa cara Vilasouto para facer unha ruta de sendeirismo. Logo dunha parada estratéxica para coller forzas cun xantar nunha casa de turismo rural, dirixíronse ata o Concello do Incio, onde visitaron a Igrexa do Hospital, onde en tempos se atendía ós peregrinos que acudían a Santiago de Compostela. Logo desta visita, partiron dende a parroquia de Ferrería para percorrer unha ruta de sendeirismo que transcorre entre frondosas fragas.

Pola súa banda, 48 membros da Asociación Veciñal de San Remigio de Bazar achegáronse ata terras de Lemos para coñecer o interesante museo etnográfico que é o Pazo de Tor. Tras esta visita, e xa na capitalidade monfortina, fixeron un percorrido pola historia de ferrocarril en Galicia dentro do Museo adicado este medio de transporte, así como polo agradable paseo que ofrecen os xardíns situados na ribeira do Cabe.

Xa o xoves, 48 Amigos da Feira de Castro de Rei decidíronse a visitar a Montaña lucense, que non só destaca pola súa riqueza natural, senón pola arquitectónica. No Concello de Cervantes, poderán coñecer de primeira man diferentes mostras da arquitectura civil da zona, como o Castelo de Doiras, declarado Ben de Interés Cultural no ano 1994; o castro de Couso e o pazo de Quindós tamén serán obxecto da visita que levará a este colectivo ata o Concello de Cervantes.

O outro colectivo que escolleu a xornada do xoves para participar da programación das rutas do Km0 foi a Asociación Veciñal de Arcos, de Chantada. Os 48 participantes collerán camiño cara a Mariña, achegándose ata o Concello de Ribadeo para coñecer as impresionantes formacións rocosas da praia das Catedrais e a dos Castros. Tamén poderán coñecer as cetáreas de Rinlo, que datan dos primeiros anos do século pasado e que foron construidas grazas ó aproveitamento da entrada que o mar traza nesa zona, e o aeródromo de Villaframil, destinado principalmente á aviación deportiva.