Deputación de Lugo

A Deputación aforrará case 130.000 euros ó ano na factura eléctrica das instalacións provinciais

Froito das auditorias da Axencia Provincial da Enerxía realizadas nas dependencias provinciais, a institución luguesa reducirá a súa factura nun 25% durante 2012O organismo provincial ofrecerá os servizos da Axencia ós Concellos, realizando auditorias nas instalacións locais e aforrándolles os 10.000 euros que custaría este estudoA Deputación pon en marcha un proxecto piloto, alugando equipamento informático, aforrando case 25.000 euros anuais e reducindo o impacto ambiental nun 44%Martínez instou á voceira do PP a estudiar as competencias das administracións e exemplificou o esforzo da institución en impulso da situación económica-laboral da Mariña

A Xunta de Goberno aprobou este venres a reforma do contrato para o subministro eléctrico en gran parte das instalacións provinciais. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, subliñou que esta actuación permitirá á Deputación aforrar 122.354 euros ó ano. Isto conleva unha redución anual na factura eléctrica do 25%.

Esta medida é froito das auditorías realizadas pola Axencia Provincial de Enerxía -departamento situado no Inludes- nos edificios dependentes da Deputación co obxectivo de reducir o consumo enerxético e aforrar cartos. O voceiro explicou que “unha das conclusións destes traballos remarca a necesidade de modificar os contratos coas empresas eléctricas. Por este motivo, comezamos as negociacións con EON ó ser a entidade que asume máis do 90% do subministro enerxético nas instalacións provinciais”.

Concretamente, esta eléctrica proporciona enerxía ó Pazo de San Marcos, Inludes, pavillóns do Centrad, dependencias de Recaudación situadas na rúa Tui da capital luguesa, así como das da praza de Santo Domingo onde está SUPLUSA, o servizo de Prevención, os Sindicatos e os grupos políticos, ademais dos Museos do Mar e o Provincial, o Pazo dos Deportes, Hospitais San Rafael e San José e o Hotel Miño. Martínez indicou que, ata o momento, a factura nestas instalacións ascendía a 478.589 euros ó ano e agora será de 356.235 euros anuais. De ahí, o aforro de 122.354 euros e a redución do 25,5% na factura para 2012.

Martínez avanzou que a Deputación está agora a xestionar a modificación do contrato con Fenosa, empresa que só asume o 7% do subministro eléctrico nas instalacións provinciais, ó facerse cargo deste servizo nos Museo de Tor e no de San Paio de Narla, así como nos clubs náuticos de Augasmestas, Belesar e Portomarín. Segundo as previsións da Axencia Provincial da Enerxía, o aforro na factura eléctrica nestas dependencias será doutros 6.000 euros, pasando dos 39.000 euros anuais que se aboan na actualidade, ós 33.000 euros ó ano.

En total, coas novas contratacións o aforro do organismo provincial para 2012 na factura eléctrica será de case 130.000 euros.

Próximas medidas

Seguindo as conclusión das auditorias realizadas pola Axencia Provincial de Enerxía, as próximas medidas de aforro enerxético e económico nas instalacións provinciais que levará acabo a Deputación consistirán na substitución das lámpadas convencionais e en melloras nos equipos informáticos, así como no sistema de calefacción. O voceiro avanzou que, a maiores, a Axencia estenderá os seus servizos ós Concellos onde tamén se realizarán auditorias nestas dependencias co fin de reducir os seus gastos. Ditas auditorías non terán custe algún para as entidades locais ó que lle suporá un aforro, segundo os prezos do mercado, duns 10.000 euros.

Aforro doutros 25.000 euros

A Xunta de Goberno aprobou a contratación do servizo de alquiler de 5 impresoras e 4 equipos multifunción que inclúe fotocopiadora e fax, entre outros servizos, por valor de 11.320 euros ó ano. Martínez subliñou que con esta actuación a Deputación pon en marcha un proxecto piloto en primeiro lugar nun dos departamento da institución luguesa, concretamente na Secretaria Xeral, que suporá un aforro de 24.750 euros ó ano. Este é o custe que conlevaría a compra deste material, valorado en 22.000 euros, así como do seu mantemento anual mediante a adquisición dos consumibles, é dicir, tóners ou tambores. Actualmente, o organismo provincial desembolsa na compra de dito material 14.400 euros ó ano. Agora pasará a aboar 11.650 euros anuais, aforrando un total de 2.750 euros en 2012. Ademais, con esta actuación a Deputación reduce o número de equipo en dito departamento, pasando dos 19 ós 9, ofrecendo as mesmas prestacións e reducindo o impacto medioambiental nun 44%.

Novas actuacións do Innova-TE

A sesión acordou ademais, a contratación dun nova aplicación informática por valor de 70.800 euros que pertencen ós fondos europeos do Innova-TE. Esta ferramenta, que se aplicará en primeiro lugar na Deputación para logo levarla ós Concellos, permitirá ós veciños coñecer mediante Internet a oferta pública de emprego ou inscribirse nos procesos de selección de persoal. Pola súa banda, tamén mediante a Rede, o persoal das administracións poderán visualizar a súa nómina, facer un seguimento da mesma, comprobar as horas de traballo acumuladas ou mesmo ver o seu expediente laboral de xeito íntegro.

Compromiso coa Mariña

Logo das declaración realizadas onte pola voceira provincial do PP, Elena Candia, ó respecto da difícil situación económica e laboral que atravesa a Mariña, Martínez subliñou que “non entendo como unha señora que é membro do PP, que debe ter acceso á información do seu partido, así como coñecemento das competencias de cada administración, lle estea botando a culpa a Deputación dun problema que depende total e absolutamente do Partido Popular e da Xunta. Estamos ante un Goberno galego inútil, ineficaz e cunha mala xestión que, ata o momento, se baseou simplemente en botarlle a culpa a Zapatero”.

O voceiro socialista lembroulle a Candia que “as competencias directas en Galicia sobre emprego, benestar ou industria, entre outras, son da Xunta. Nembargantes, como o Goberno galego segue a filosofía de que para Lugo nin un só euro, a Deputación tivo que suplir á administración autonómica na provincia”. Neste senso, Martínez salientou que o organismo provincial prevía a construción de dúas residencias na Mariña, concretamente en Riotorto e Trabada, que suporían a creación de 60 postos de traballo directos, así como 50 prazas residenciais e 30 en centros de día. “E non é que a Xunta non faga nada, senón que tamén trata de boicotear o que facemos nós, ó non subvencionar prazas nas residencias públicas da Deputación que si subvenciona en centros privados da provincia”.

Entre outras actuacións da institución provincial en impulso da situación económica e laboral da Mariña, o voceiro socialista lembrou o Pacto Provincial polo Emprego do que se beneficiaron 200 mariñanos; o Lugo Emprega que deu traballo a 181 veciños desta Comarca; o Km0 que mantén 3.000 empregos directos e indirectos na provincia, ó abeiro do que se puxeron en marcha iniciativa empresariais como a asociación de redeiras de Burela, ó tempo que potenciou o colectivo de ferreiros de Riotorto; así como a posta en marcha dos parques de bombeiros de Barreiros e Viveiro grazas ó Consorcio Provincial que, en 2008, impulsou esta Deputación e anterior Xunta en 2009. Martínez destacou que estas instalacións, “que o señor Barcia calificaba de marrón, deron traballo a 42 bombeiros. Ademais, temos que ter en conta os centos de postos de traballo que se mantiveron no sector da construción grazas ós 5 millóns de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública que levamos á Mariña”.

O voceiro sentenciou que “o único que lle pido a esta señora é respeto institucional xa que non coñece as competencias das administracións, feito que entendo porque acaba de chegar pero agora debe estudar as competencias da Xunta, da Deputación e dos Concellos antes de falar”.