Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Sarria acordan desbloquear a construción da piscina cuberta

O Presidente recalcou trala reunión mantida hoxe co Alcalde sarriano en San Marcos que o municipio non perde os 1,5 millóns de euros que o organismo provincial consignou para ofrecer ós veciños un servizo polo que levan esperando dende hai 20 anosBesteiro anuncioulle ó rexedor que a institución “fará un novo esforzo económico” e asumirá o 80% do sobrecuste das obras da modificación do proxecto, co que queda desbloqueada a súa execución Ambos os dous mandatarios non pecharon futuras melloras, xa que o prioritario é reiniciar as obras da piscina cuberta, cumprindo co convenio asinado e mantendo a inversión en Sarria

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Sarria, José Antonio García, acordaron na reunión que mantiveron hoxe en San Marcos o desbloqueo da construción da piscina cuberta da localidade. Trala xuntanza, Gómez Besteiro destacou que “o máis importante é que Sarria non perde os 1,5 millóns de euros que xa lle ingresamos ó Concello para ofrecer ós veciños deste municipio e do resto da comarca un servizo polo que levan esperando 20 anos”. O Presidente anuncioulle ó rexedor sarriano a decisión do organismo provincial de “facer un novo esforzo económico” e asumir o 80% do sobrecuste das obras da modificación do proxecto, consistente na construción dun muro perimetral que evite as filtracións de auga na piscina. Deste xeito, a construción das instalacións queda desbloqueada.

Deputación e Concello de Sarria firmaron o 17 de decembro de 2010 o convenio de colaboración para executar o Plan Extraordinario de Obra Pública, cuxo obxectivo era a construción da piscina cuberta. Segundo este acordo, a achega da institución provincial ascende a 1.457.000 euros (o 80%), mentres que a do Concello, é de 343.000 euros (o 20% restante). A obra adxudicouse o 25 de marzo deste ano en 1.535.422,50 euros, polo que quedou un remanente de 264.575 euros. Segundo o proxecto rexistrado no Concello pola dirección técnica da obra, o incremento con respecto ó custe inicial derivado da modificación do proxecto é de 307.084,5 euros, que se financiará do seguinte xeito:

Por unha banda, destinaranse a este fin os remanentes da primeira adxudicación, é dicir, 264.575 euros.

Por outra, para financiar os 49.445 euros que restarían, a Deputación aportará o 80% (39.556 euros) e o Concello, o 20% (9.889 euros), as mesmas porcentaxes que no convenio inicial. A institución luguesa fai deste xeito un esforzo “extraordinario” para desbloquear o proxecto, pois os acordos da Deputación establecen a obriga dos concellos de asumir a totalidade do custe do modificado de proxectos iniciais. Sen embargo, neste caso fai unha excepción, achegando o 80%, porque a necesidade do cambio débese a circunstancias que xurdiron durante a execución da obra, alleas ó convenio inicial.

O primeiro: executar o acordado

O Presidente provincial incidiu en que “o que toca agora, o prioritario, é executar o convenio asinado no seu día, que establecía a execución dunha piscina cuberta. Unha vez que se faga isto, será a hora de falar de posibles melloras que dean lugar a futuros convenios de colaboración, pero tamén dos esforzos que están dispostos a realizar para levalos a cabo as distintas administracións. Polo que a Deputación respecta, o noso ánimo é o de colaborar e axudar, como temos demostrado sobradamente en Sarria”. Besteiro lembrou neste senso que a Deputación investiu no municipio sarriano máis de 5 millóns de euros nos últimos catro anos, entre outras actuacións, na contratación de desempregados a través do Lugo Emprega, a mellora de 66 quilómetros de estradas provinciais e municipais, a construción dun campo de herba artificial no Chanto, a dotación e mellora de equipamentos e servizos nas zonas rurais.