Deputación de Lugo

O Presidente esixe á Xunta un plan de reactivación económica que evite unha auténtica catástrofe na Mariña

Gómez Besteiro reuniuse co representante oficial de Aglomerados ECAR, cumprindo coa palabra dada ó comité de empresa de “poñer todo o mellor de si” para frear o peche da fábrica mindoniense e a perda dos seus 62 empregosO mandatario reprochou ó Goberno galego que “non sexa consciente” dos problemas da comarca mariñana, “un piar fundamental para a provincia ó representar un terzo do PIB lucense”, e advertiulle que o tempo de “criticar xa rematou, agora ten que actuar”

O mandatario reprochou ó Goberno galego que “non sexa consciente” dos problemas da comarca mariñana, “un piar fundamental para a provincia ó representar un terzo do PIB lucense”, e advertiulle que o tempo de “criticar xa rematou, agora ten que actuar”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, esixiu este xoves á Xunta de Galicia que poña en marcha de inmediato un plan de reactivación económica para evitar “unha auténtica catástrofe” na Mariña, pois esta comarca “é un piar fundamental da provincia, que aporta un terzo do PIB lucense, e está vendo como día tras día están caendo empresas fundamentais para a súa sostibilidade económica e social, como Muebles Hermida, Grupo Mon e Aglomerados ECAR, e incluso se está a falar agora do posible risco de Alcoa San Cibrao”.

Gómez Besteiro fixo este urxente chamamento ó Goberno autonómico tras manter no Pazo de San Marcos unha reunión co representante oficial de ECAR, Adriano Rego, responsable do Consello de Administración e Director de Relacións Institucionais da empresa, para abordar a situación que atravesa a fábrica mindoniense, da que é propietaria FINSA. Besteiro cumpriu deste xeito coa palabra dada ó comité de empresa nunha entrevista antes do Nadal de “poñer todo o mellor de si” para frear o peche da factoría e a perda dos seus 62 postos de traballo. Neste senso, o mandatario provincial instou á Xunta a ser “totalmente escrupulosa” á hora de revisar o ERE que a firma ten previsto presentar mañá: “non o debe tomar como un mero trámite ou procedemento porque estamos a falar dun centro de traballo fundamental para a comarca mariñana”.

Ante a inminencia do ERE extintivo de ECAR e da grave situación doutras empresas mariñanas, o Presidente reclamou á Xunta que “traballe para solucionar os problemas dos veciños da provincia e do resto de Galicia porque o tempo das críticas e de dar leccións a todo ó mundo, como o Goberno galego estaba a acostumado a facer ata hai ben pouco, xa rematou. Agora chegou o momento de poñer en marcha medidas e plans que remonten a situación económica, tal e como a Xunta prometeu e que agora ten a posibilidade de facer cos Ministerios de Emprego, Economía e Industria”. Gómez Besteiro reprochou á Xunta que “non sexa consciente dos problemas da Mariña” e que en xeral “estea descoidando a provincia de Lugo e tamén a de Ourense. Neste curso que podemos chamar Galicia hai que aprobar catro asignaturas, que son Lugo, Ourense, A Coruña e Pontevedra. Non vale que se salve a zona occidental, A Coruña e Pontevedra, e a Xunta, cando se trata destas provincias parece que adopta solucións con outra soltura”.

Besteiro advertiu por outra banda de que as medidas de austeridade do Goberno de Rajoy, “lonxe de ser enriquecedoras, poden ser empobrecedoras e incapaces de xerar expectativas de crecemento”.

Proposta do Pleno da Deputación

O Presidente lembrou que, consciente da difícil situación da Mariña e confirmando o seu compromiso coa comarca, o Goberno provincial levou ó Pleno unha proposta para esixir á Xunta a posta en marcha de medidas que dinamicen o emprego e o desenvolvemento sostible da zona. A iniciativa saíu adiante cos votos do PSOE e o BNG, mentres que o PP abstívose. As medidas solicitadas son as seguintes:

1.- Un plan de recuperación do emprego e da actividade económica da comarca mariñana, destinando a tal fin unha contía económica específica dentro das súas contas públicas.
2.- Un plan de acompañamento social para aquelas persoas que se atopan en situación de desemprego, comezando polas que non perciben ningunha prestación, de cara a amortiguar a súa situación e favorecer a inserción laboral dos mesmos.
3.- A apertura de liñas de financiamento específicas a conta do IGAPE para todos os autónomos e PEMES da Mariña que se atopen atrapados en concursos de acredores, facendo perigar a súa viabilidade.
4.- Un plan de choque que fomente o consumo a fin de evitar o peche de centos de pequenos establecementos comerciais.